Publicador de contidos

Publicador de contidos

Rescatan dous gatos, un deles xa morto, do lixo en Cangas

Rescatan dous gatos, un deles xa morto, do lixo en Cangas

Hai dous meses aparecera outra camada noutro colector da mesma parroquia

A Garda Civil abriu unha investigación para dar co responsable dun delito de maltrato animal

G24.gal 23/05/2025 14:32

Das sete vidas que ten, xa gastou a primeira. Atopárono dentro dun saco de patacas, xunto cun irmán que correu peor sorte.

"Nós fomos sacando as bolsas do colector unha a unha ata que nunha delas atopamos un saco de patacas con dous gatiños, un deles mortos, e o outro miando, piando con forza pola vida", explica Mauro Bernárdez, oficial de Protección Civil de Cangas.

Con tanta forza piou, que aí está: feito un descarado, din na clínica onde o axudaron a saír adiante. A Garda Civil abriu unha investigación por un delito de maltrato animal. Como primeira pista, analizan uns documentos que apareceron na mesma saca. O ruxerruxe apunta a unha muller que vive na zona, rodeada de gatos.

"O caso de gatos que aparecen no lixo ou sen ser no lixo, abandonados sendo moi pequenos, é habitual", lamenta Paula Martínez, presidenta da Asociación Colonias Canguesas.

Antes era habitual, unha práctica aceptada. Hoxe é delito, con penas de ata ano e medio de cárcere, pero, aínda así, segue pasando. De feito, hai dous meses tamén en Cangas e, por certo, noutro colector da mesma parroquia, deuse un caso similar.

"Estaban metidos dentro dunha bolsa, dentro doutra bolsa. Viñan moi delgados e moi pequenos, entón foi difícil tratalos e non saíron adiante. Un mes antes desa recollida, atopamos un galo vivo no lixo", engade Martínez.

A día de hoxe, non se entende.

"O que hai é moito descoñecemento. Temos que facer un esforzo moi grande por esterilizar e castrar todos os gatos e gatas da rúa para evitar estas situacións tan desagradables", lembra Juan Díaz, veterinario.

Afortunadamente, o michiño está recuperado e en breve poderá marchar coa súa nova familia adoptiva.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade