Rescatan dous pescadores atrapados nun illote no río Miño en Ourense
Rescatan dous pescadores atrapados nun illote no río Miño en Ourense
Os bombeiros chegaron ata eles a nado e empregaron unha corda para poñelos a salvo na beira
Estaban a gozar dunha tarde de pesca no río Miño ao seu paso pola cidade de Ourense. Aproveitando o baixo nivel da auga, achegáronse ata un dos illotes que hai preto das termas do Muíño. Cando se quixeron dar conta os dous homes, veciños de Vigo, estaban atrapados pola enchente do río.
Segundo explica o Xefe de Servizo dos Bombeiros, César Pichel, para rescatalos mobilizaron primeiro a lancha e a moto de auga pero ao non poder actuar, polas pedras que hai na zona, decidiron sacalos amarrando unha corda que lles serviu de guía ata a beira.
Un rescate que se alongou durante varias horas ata ben entrada a noite. A pesar de que hai carteis que advirten das variacións repentinas de caudal por mor da apertura das comportas da presa, os bombeiros xa teñen participado en varios rescates, tanto de bañistas como de pescadores. Por iso insisten na prudencia que deben ter os cidadáns.
Antonio Cortés, delegado en Ourense da Federación galega de Pesca, é moi conscientes dos perigos que ten o río. Recomenda non afastarse da beira e consultar na páxina da Confederación Hidrográfica os horarios de apertura das presas. Tamén é importante, di, ir acompañado e levar o móbil para pedir axuda en caso de perigo.