Rescatadas dúas persoas que naufragaron co seu veleiro e se refuxiaron nunha batea en Boiro
Á embarcación rompeulle unha vela e acabou chocando contra unha batea preto de Cabo de Cruz.
Tras chocar, ao veleiro abríuselle unha vía de auga, pero os dous tripulantes puideron refuxiarse na batea ata que se produciu o rescate
Dúas persoas foron rescatadas este sábado tras naufragaren co seu veleiro e chocar contra unha batea preto de Cabo de Cruz, na localidade coruñesa de Boiro. Na batea refuxiáronse ata que se produciu o rescate.
Segundo informa o 112 Galicia, foi un dos náufragos quen contactou en varias ocasións coa Central de Emerxencias, bastante nervioso, para avisar do accidente no mar.
O naufraxio ocorreu contra as 18:10 horas, cando a vela da embarcación rompeu e chocou contra unha batea, o cal derivou en que se abrise unha vía de auga.
Deste xeito, avisouse a Salvamento Marítimo, Gardacostas, Garda Civil e Policía Local. Tras remolcaren o veleiro ata o peirao de Vilanova de Arousa, unha das persoas rescatadas recibiu asistencia sanitaria.