Publicador de contidos

Publicador de contidos

Renfe reduce en abril as viaxes entre Galicia e Madrid polas obras en Chamartín

Renfe reduce en abril as viaxes entre Galicia e Madrid polas obras en Chamartín

Haberá menos horarios dispoñibles, pero mantense o número de prazas

G24.gal 08/03/2024 16:14

O operador ferroviario Renfe anunciou que reducirá os horarios dispoñibles para viaxar entre Galicia e Madrid polas obras que se están levando a cabo na estación de Chamartín, aínda que asegurou que manterá o número de prazas actual.

En concreto, segundo informou nun comunicado, Renfe reorganizará os servizos que conectan a Comunidade coa capital española a partir do 8 de abril, debido aos traballos de transformación que Adif realiza en Chamartín para duplicar a súa capacidade de acoller trens de alta velocidade e longa distancia.

"A nova estrutura dos servizos en Galicia traerá consigo modificacións horarias, aínda que o número de prazas que Renfe pon ao dispor dos viaxeiros manterase para facilitar a súa mobilidade", indicou a compañía.

Este novo plan de transporte prolongarase mentres duren as obras, previsiblemente ata entrado o mes de xullo.

A partir do luns, billetes a Madrid por 25 euros

No mesmo comunicado, Renfe aproveitou para lembrar que este cambio de servizo pretendía realizarse xa cos novos trens Avril en circulación, o que traería consigo un aumento do número de prazas, xa que estes convois dispoñen de capacidade para 500 viaxeiros, mentres que os Alvia actuais transportan de media a 300 persoas.

Renfe lembrou que os Avril continúan pasando as probas de fiabilidade, esperando que o construtor Talgo entregue os novos trens canto antes.

A firma engadiu, ademais, que a partir do próximo luns, 11 de marzo, estarán á venda billetes para viaxar ata Madrid por 25 euros, con 2.000 prazas rebaixadas á semana.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade