Publicador de contidos

Publicador de contidos

Remite o temporal no mar e a frota galega agarda poder retomar a actividade este venres

Remite o temporal no mar e a frota galega agarda poder retomar a actividade este venres

Lonxas pechadas, sen poxas nin peixe que vender logo de tres temporais nunha semana

G24.gal 30/01/2025 20:57

En Malpica o mar de fondo bate con forza. A frota leva toda a semana sen poder saír traballar. Os barcos do cerco buscaron abrigo noutros portos como o da Coruña. Os de artes menores, naseiros e do percebe están aquí a refuxio. Situación moi complicada para a xente do mar, tal e como recoñecen desde a Confraría de Malpica.

A lonxa permanece pechada. Non hai poxa nin peixe que vender. Aquí quen traballa no mar ou vive da actividade pesqueira tivo que buscar fórmulas para afrontar o temporal.

"De feito moita xente que ten peixería e demais aproveitou para coller libre, para poñer as súas cousas ao día ou darlle vacacións incluso ao persoal", explica Francisco Varela, secretario da Confraría de Malpica. 

Foron tres temporais en menos dunha semana con efectos en todo o litoral galego. En Muxía as embarcacións levan 10 días amarradas a porto. Co temporal afastándose da costa, en Malpica os mariñeiros agardan poder botarse de novo ao mar.

"A ver se poden saír agora contra a noitiña. Non van ser boas capturas porque levamos toda a semana sen saír, pero contamos con ter peixe", din desde a confraría.

Peixe que chegará de novo ás prazas e mercados galegos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade