Remata o periplo do Leyma Coruña na ACB coa derrota en Bilbao
A tres xornadas do final consumouse o descenso do equipo coruñés logo da derrota por 79-67
A tres xornadas do final consumouse o descenso do Leyma Coruña á Primeira FEB. Precisaba facer un pleno de vitorias nas catro últimas xornadas e a derrota en Bilbao diante dun rival directo acabou coas esperanzas dun club que viviu no fío da navalla desde as primeiras xornadas.
A entrada no partido resultou fundamental. O Bilbao estivo moi atinado no primeiro cuarto grazas ás triplas de Frey e Gielo e colleitaron unha vantaxe (20-9) que sería determinante. Aumentaron os locais a diferenza ata os quince puntos mediado o segundo cuarto (38-23) para chegar ao descanso con once puntos de marxe (42-31).
O momento máis inspirado do Leyma chegou no comezo da segunda parte. Un parcial de 2-8 permitíalle meterse no partido (44-39) e durante todo ese período presionou ao Bilbao Básket. Taylor no xogo exterior e Silins no interior permitían que o cadro coruñés chegase con vida ao último cuarto (56-49).
Pero as opcións acabaron por esvaecerse no último cuarto. Un parcial de 14-2 abría unha fenda xa definitiva (70-52) imposible de enxugar para o Leyma. Ao final, vitoria do Bilbao Básket (79-67) que salva ao cadro local e sentencia a un Leyma que agora terá que loitar para evitar a última posición polo que poida acontecer cos ascendidos de Primeira FEB.