Refórzanse os controis da vendima para evitar que entre uva foránea nas adegas
O plan de control aumenta as inspeccións nos viñedos e nas adegas para previr a fraude
Axentes de seguridade vixían tamén os movementos de uva nas estradas
Desde a cepa á botella, o viño amparado polas denominacións de orixe está sometido a controis de calidade e orixe durante todo o ano. Pero no tempo da vendima as inspeccións refórzanse cun plan de control extra para evitar que entre uva de fóra nas adegas.
"Hai varias liñas en marcha na vendima, a máis importante é a dos vedores que controlan o terreo cos viticultores e nas adegas verifican as capacidades pertinentes. Tamén na estrada as forzas de seguridade comproban as vías de acceso ás adegas, que sexan transportes adecuados e que a orixe e destino sexan correctos", explica José Luis Cabarcos, director da AGACAL.
Lonxe de molestalos, son moitos os viticultores e adegueiros que agradecen o control. Din que non teñen nada que agochar e aseguran ser os maiores interesados en que as cousas se fagan ben.
"Somos éticos e facemos as cousas ben, pero deste xeito se evitan tentacións que non levan a ningún lado, é positivo, así todos xogamos coas mesmas cartas, sen facer nada raro", di o xerente da adega Vía Romana, Juan Luis Méndez.
A pasada campaña os axentes fixeron máis de 700 controis na estrada e non se detectou fraude ningunha, pero a súa presenza ten importante función disuasoria.
"Sobre todo para protexer a produción de Galicia, o territorio e aproveitar as oportunidades que nos brinda un sector de éxito como é o do viño", engade José Luis Cabarcos.
Un sector, o do viño galego, que, segundo o informe Nielsen, aumentou un 9 % o seu valor no último ano, medrando en vendas e prezos nos mercados nacionais e internacionais.