Publicador de contidos

Publicador de contidos

Reflexos e cores visten as pedras de Santiago no desfile do traxe galego

Reflexos e cores visten as pedras de Santiago no desfile do traxe galego

Partiu dende sete puntos diferentes da zona vella para enxalzar a vestimenta tradicional

O obxectivo é lembrar a súa importancia e a súa contribución ao acervo cultural galego

G24.gal 20/07/2025 15:09 Última actualización 20/07/2025 16:33

As rúas empedradas de Compostela acolleron un ano máis, e xa van 46 edicións, o colorido e engalanado desfile do traxe galego. Unha efeméride na que se homenaxea unha vestimenta enxebre que forma parte do patrimonio cultural e histórico de Galicia.

"Este día é o do enxalzamento do traxe galego, é o noso día, de saír ás rúas con el e facelo visible. Que non se esqueza a nosa herdanza", expón Consuelo Vázquez, presidenta da Asociación do Traxe Galego.

Unha das novidades deste ano foi a de iniciar o desfile dende sete puntos históricos da zona vella de Compostela, coma Porta Faxeiras ou Mazarelos, para homenaxear os trinta anos de vida da asociación que organiza o acto.

O desfile hipnotizou a propios e estraños, que asistiron a toda unha diversidade de interpretacións do traxe tradicional, que varía segundo as zonas de Galicia, pero que mantén unhas normas comúns.

"Mantón de cen cores, corpiño, as xoias, o cosmeiro, o pano de testa. Unha raxeta, a saia e o refaixo", explica Carmen Corredera, participante procedente de Vigo que xa vén participando na efeméride dende hai moitos anos atrás.

A intención dos participantes é espallar o uso desta vestimenta máis alá do seu papel estético.

"Que en Galicia, nas romarías, que a xente puxese o traxe. Como dicía Castelao somos así pola graza da lingua e polas nosas tradicións", comenta outra das participantes na festividade.

O desfile rematou na praza do Obradoiro aínda q o espírito reivindicativo continuará todo o día, con desfiles e premios para os traxes que mellor representan o acervo cultural deste país.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade