Publicador de contidos

Publicador de contidos

Reducir a velocidade, teletraballo e transporte público para aforrar petróleo

Reducir a velocidade, teletraballo e transporte público para aforrar petróleo

A Axencia Internacional da Enerxía lanza recomendacións para reducir a dependencia do cru

Compartir coche, unha condución máis eficiente, empregar o transporte público ou renovar o parque automobilístico permitirían, segundo a AIE, reducir o consumo de petróleo en 2,7 millóns de barrís diarios

A velocidade a 110 quilómetros por hora xa se implantou en España durante a anterior crise económica A velocidade a 110 quilómetros por hora xa se implantou en España durante a anterior crise económica
G24.gal 18/03/2022 12:55

A Axencia Internacional da Enerxía (AIE) pide reducir o límite de velocidade nas autoestradas en polo menos 10 quilómetros por hora e promover o teletraballo tres días por semana onde sexa posible para aforrar petróleo e evitar problemas de aprovisionamento.

Nun decálogo de medidas para diminuír o consumo de cru ante a crise á que asiste o planeta xerada tras a invasión rusa de Ucraína, a AIE calcula que se se aplicasen nos países desenvolvidos nun prazo de catro meses, permitirían aforrar o equivalente de 2,7 millóns de barrís diarios.

Entre os consellos que lanza está declarar os domingos días sen coches nas cidades, abaratar o transporte público, dar incentivos para que a xente se desprace camiñando ou en bicicleta ou establecer o tráfico alternativo de coches nas estradas de áreas urbanas.

Tamén recomenda incrementar as prácticas para compartir coche, promover unha condución máis eficiente para os camioneiros ou os repartidores, recorrer máis ás viaxes en trens de alta velocidade e aos trens nocturnos en lugar do vehículo, prohibir os traxectos en avión cando hai outras alternativas ou acelerar a renovación do parque automobilístico cara a vehículos eléctricos ou máis eficientes.

A AIE cre que o que potencialmente podería ter máis efecto sería reducir en 10 quilómetros por hora o límite de velocidade nas autoestradas, algo que se fixo nos Estados Unidos e en varios países europeos durante a crise do petróleo de 1973, ou tamén en España na anterior crise económica, e que se practica actualmente, sobre todo por razóns ambientais, de conxestión ou de seguridade viaria.

A outra medida con maior impacto potencial sería recorrer máis ao teletraballo, que evitaría millóns de desprazamentos diarios: tres días á semana equivalería a un aforro de medio millón de barrís de petróleo ao día.

O director executivo da axencia, Fatih Birol, advirte nun comunicado de que ante o ataque de Rusia contra Ucraína, "o mundo pode ter que afrontar o seu maior choque de oferta de petróleo en décadas con enormes implicacións para as nosas economías e as nosas sociedades".

De aí a razón de ser deste plan de choque, que se engade á decisión tomada polos Estados membros a comezos de mes de sacar ao mercado 62,7 millóns de barrís dos seus reservas estratéxicas para rebaixar a tensión no mercado. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar