Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Audiencia de Pontevedra debate liberar os detidos polo crime do Porriño

A Audiencia de Pontevedra debate liberar os detidos polo crime do Porriño

Este venres comezou a reconstrución do asasinato do cidadán portugués achado sen vida en febreiro de 2021

G24.gal 27/01/2023 13:45 Última actualización 28/01/2023 10:20

O Xulgado de Instrución número 3 do Porriño iniciou este venres a reconstrución do asasinato de Carlos Alberto,  o cidadán portugués que apareceu asasinado en febreiro de 2021 nun pozo dunha nave abandonada do Porriño.

Na reconstrución estiveron presentes os tres investigados. Un deles está en liberdade, e a xustiza debe decidir hoxe se permite que os outros dous saian do cárcere.

A Fiscalía pediu esta reconstrución polas supostas contradicións nas que caeu Sergio L.M., o único dos tres implicados na trama que falou ata o momento.

“Leva con contradicións desde un inicio, imos pola quinta versión, di non coñecer aos meus clientes e resulta que despois reparara o coche dun e tomaba cafés con el, como para non coñecelo”, dixo á prensa Manuel Carpintero, avogado defensor dos dous investigados que permanecen no cárcere.

A reconstrución produciuse no barrio vigués de Lavadores, nunha nave na que Sergio L.M. declarou que se reuniran coa vítima.

Segundo a versión de Sergio L.M., cando el estaba na nave coa vítima presentáronse os outros dous investigados, que se fixeron pasar por policías, e meteron a Carlos Alberto nun furgón.

Para Paula Diéguez Pereira, avogada da acusación particular, é crible que Sergio L.M. pensase que os outros dous investigados eran policías porque un deles foi, efectivamente, axente da Policía Local".

O que non cre enteiramente é que sexa inocente. “Os tres presuntamente poderían ser partícipes dalgunha maneira, se cadra non ser autor ou coautor pero si ser un cooperador necesario e facer todo isto para levar a cabo o desenlace fatal”, asegurou.

“A credibilidade é cero”, asegurou o avogado dos outros dous investigados respecto ao relato de Sergio L.M., á vez que prognosticou a inmediata liberación dos seus defendidos porque “non hai indicios para mantelos en prisión”, por iso é polo que tanto a Fiscalía como a defensa pidan a súa liberación.

A sección segunda da Audiencia provincial de Pontevedra deliberou este venres sobre a posta en liberdade dos investigados que permanecen no cárcere, e en breve deberá comunicar a súa decisión.

Por diante queda unha segunda reconstrución dos feitos no Porriño, onde foi achado o cadáver de Carlos Alberto en 2021, tres anos despois de que se cometeu o crime.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade