Recital ofensivo dun Leyma Coruña que bate a súa mellor marca de anotación
Anotou 109 puntos e gañoulle por catorce a Cantabria nun partido de grandes porcentaxes no tiro
O Leyma Coruña volveu amosar o bo momento de xogo polo que pasa e derrotou a Cantabria por 109-95 cuns rexistros ofensivos que moi poucos equipos na competición poden asinar.
O partido mantívose igualado no primeiro cuarto (24-22) e comezou a racharse no segundo grazas ao acerto maiúsculo do Leyma no lanzamento. 57-42 era o resultado a prol do equipo de Epifanio.
Lonxe de relaxarse os coruñeses mantiveron o ritmo imparable no terceiro cuarto no que chegaron a ter unha máxima diferenza próxima aos trinta puntos. Ao remate do cuarto o resultado era de 86-64. O último sobrou no tocante á vitoria pero non ao marcador porque o Leyma sempre foi ambicioso ata lograr uns impresionantes números en ataque.
Outro dato interesante foi o repartida que estivo a anotación. Font anotou 21 puntos, Barrueta 17 e Filipovic 16 como mellores elementos do equipo galego.