Publicador de contidos

Publicador de contidos

Reabre para a cidadanía o peirao de Calvo Sotelo no porto da Coruña

Reabre para a cidadanía o peirao de Calvo Sotelo no porto da Coruña

Levaba 3 meses con acceso restrinxido porque se celebraron alí os grandes festivais do verán

As portas do peirao de Calvo Sotelo abren de 8 da mañá a 7 da tarde
G24.gal 24/10/2023 15:09

"Vivimos aquí ao lado e viñamos pasear, pero como estaba pechado estes meses non puidemos vir, e agora, que o vimos aberto, aproveitamos para vir dar un paseo e sobre todo para ver o galeón", comenta unha veciña da Coruña.

Este galeón, réplica doutro do século XVII, foi, xunto cun transatlántico, o gran reclamo para os primeiros visitantes do porto. Despois de tres meses co acceso restrinxido porque se instalou aquí o escenario de varios festivais, o peirao de Calvo Sotelo volve estar aberto para toda a cidadanía agás os días en que coincidan varias escalas de cruceiros.

"Cando hai máis dun transatlántico soben os autocares por aí e, claro, non deixan pasar o público porque hai un servizo de autobuses para levalos ao barco. Isto é grande, pero este peirao quedou case sen actividade", explica un home.

Da actividade doutro tempo quedan unhas naves baleiras, un vello guindastre e unha rampla Ro-Ro que proximamente será rehabilitada. Moitos recordan cando todo o porto era de libre acceso.

 "Había uns trens de vapor e enganchabámonos nos vagóns", continúa.

Despois viñeron décadas en que o porto quedou pechado pola incesante actividade industrial. Hai un ano a autoridade portuaria decidiu poñer este peirao a disposición da cidadanía. Dende hoxe a porta volve estar aberta en horario de 8 da mañá a 7 da tarde.

"É un espazo moi aberto onde practicamente non hai tráfico, onde podes vir cos nenos e, fenomenal, é un espazo marabilloso que sempre foi dos cidadáns", conta un usuario.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos