Reaberto ao tráfico un ponte que colapsou en Muras a causa dos temporais
As obras contaron cun investimento da institución provincial que superou os 27.000 euros, para desmontar e demoler o antigo ponte e construír un novo con marcos prefabricados
A Deputación de Lugo informou da reapertura ao tráfico da estrada provincial LU-P-6502, que conecta Vilalba e Chavín pola Balsa, tras o arranxo dun ponte no termo municipal de Muras que colapsou como consecuencia da sucesión de temporais a mediados do mes de febreiro.
A circulación quedou restablecida esta mañá, apenas unhas semanas despois do inicio dos traballos de reparación da infraestrutura, que colapsara á altura do quilómetro 22,2 por mor dos fortes temporais.
As obras contaron cun investimento da institución provincial que superou os 27.000 euros, para desmontar e demoler o antigo ponte e construír un novo con marcos prefabricados.
“Situada entre A Terra Chá e o sistema montañoso do norte da provincia, esta estrada é moi importante para a comunicación de varias parroquias do rural de Muras e a súa conexión con Vilalba”, precisa a Deputación nun comunicado.
“Nesta zona da provincia, sen alternativas directas, os desvíos obrigan os veciños a percorrer máis quilómetros, polo que a actuación da institución provincial permitirá reducir os tempos de desprazamento e reforzar a seguridade viaria nunha zona de baixa densidade de poboación e gran dispersión”, conclúe o Goberno provincial.