Publicador de contidos

Publicador de contidos

Bruxelas pídelle a Washington que cumpra e aplique á UE o arancel do 15%

Bruxelas pídelle a Washington que cumpra e aplique á UE o arancel do 15%

É a resposta do Executivo comunitario tras a ameaza de Trump de aplicar un gravame do 25% aos vehículos europeos

 Bruxelas e Washington selaron no Acordo Turnberry, asinado en xullo de 2025,  un arancel xeral do 15% aos produtos europeos

Reuters Reuters
G24.gal 05/05/2026 20:14

Os pactos están para ser cumpridos. É o que lle dixo este martes en París o comisario europeo de Comercio, Maros Sefcovic, ao representante comercial dos Estados Unidos, Jamieson Greer, tras a ameaza de, Donald Trump, de aplicar un gravame do 25% aos vehículos da Unión Europea.

Unha mensaxe que se sumaba ao que xa desde esta mañá lanzaba desde Armenia a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen: "Un trato é un trato. E temos un trato", segundo recalcou en conferencia de prensa ao termo do primeiro cumio UE-Armenia, preparada -dixo- para "calquera escenario".

Na hora e media que durou o encontro, Sefcovic trasladou a Greer de primeira man a mensaxe e pediu que o Goberno estadounidense aplique "de inmediato" o arancel xeral do 15% aos produtos europeos que Bruxelas e Washington selaron no Acordo Turnberry, asinado en xullo de 2025 nun campo de golf escocés do propio Trump, segundo un portavoz da CE.

O presidente estadounidense sacou de novo o venres pasado a espada de Damocles do 25% de aranceis á importación de vehículos europeos, descontento porque o acordo está aínda pendente de ser ratificado polas institucións europeas.

A Comisión Europea, o Consello da UE e o Parlamento Europeo teñen previsto celebrar este mércores unha reunión co obxectivo incerto de dar o visto e prace ao pacto, de cuxo resultado Sefcovic terá ocasión de informar a Greer nos encontros a parte da reunión de ministros de Comercio do G7 que se celebra en París.

Desde Ereván, o presidente francés, Emmanuel Macron, interveu este martes tamén no tira e afrouxa transatlántico. Na súa opinión, a UE debería "activar" os seus instrumentos anticoerción no caso de que Washington impoña un arancel do 25% a automóbiles e camións fabricados na UE, algo que considerou "ameazas de desestabilización" por parte de Trump.

O instrumento anticoerción da UE é unha ferramenta comercial que lle permitiría impoñer aranceis aos Estados Unidos, valorados en 93.000 millóns de euros. Esa posibilidade estivo sobre a mesa durante a crise diplomática polo control de Groenlandia.

O Consello e Parlamento Europeo teñen que poñerse de acordo agora sobre as salvagardas pedidas pola Eurocámara para paralizar a aplicación do pacto se chegan novas ameazas de aranceis, algo ao que se opon un grupo de países liderados por Alemaña, xunto á Comisión Europea, que quere aplicar o pacto asinado por Von der Leyen e Trump.

En cambio, Francia, España, Finlandia e Luxemburgo están en sintonía coa postura do Parlamento Europeo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade