Publicador de contidos

Publicador de contidos

Carmela López, elixida nova presidenta da Deputación de Lugo co voto de José Tomé

Carmela López, elixida nova presidenta da Deputación de Lugo co voto de José Tomé

O apoio do expresidente, de baixa no PSdeG tras ser denunciado por acoso sexual, foi clave para a elección da súa sucesora

"A miña experiencia como alcaldesa ensinoume a gobernar con capacidade de diálogo, accesibilidade e empatía, pero tamén con firmeza e criterio propio", destacou López

EFE/Eliseo Trigo EFE/Eliseo Trigo
G24.gal 14/01/2026 12:31 Última actualización 14/01/2026 14:28

A alcaldesa de Burela, a socialista Carmela López, foi elixida este mércores como nova presidenta da Deputación de Lugo cos votos do PSOE, do BNG e do integrante do grupo mixto, o expresidente da institución José Tomé.

A rexedora contou co apoio de todos os deputados socialistas e do Bloque Nacionalista Galego, así como do propio José Tomé, que avanzou ao comezo do pleno que se sumaba á proposta do Grupo Socialista.

Na sesión os populares apoiaron ao seu propio candidato, o portavoz do PP na institución provincial, Antonio Ameijide.

Deste xeito, socialistas e nacionalistas dan continuidade ao acordo de goberno que mantiñan na institución provincial ata que a principios do pasado mes de decembro o que era presidente, o aínda alcalde de Monforte José Tomé, renunciou á Presidencia e saíu das filas socialistas tras ser denunciado por suposto acoso sexual a través da canle interna que para iso habilitou o Partido Socialista.

"A miña experiencia como alcaldesa ensinoume a gobernar con capacidade de diálogo, accesibilidade, empatía, pero tamén con firmeza e criterio propio"

A alcaldesa de Burela prometeu "pola súa conciencia e honra cumprir fielmente" as obrigacións da Presidencia da Deputación de Lugo, con "lealdade" a Rey, á Constitución e ao Estatuto de Autonomía de Galicia.

No seu primeiro discurso, puxo en valor o traballo do goberno bipartito na institución e a súa "estabilidade". Agradeceu a confianza mostrada nela polo PSOE e recoñeceu que chega ao cargo grazas ao camiño feito por moitas mulleres e homes para que "cada vez haxa máis mulleres na política".

"A miña experiencia como alcaldesa, o cargo máis fermoso que se pode alcanzar en política, ensinoume a gobernar con capacidade de diálogo, accesibilidade e empatía, pero tamén con firmeza e criterio propio", destacou.

Ao pleno asistiu tanto o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, como a presidenta dos populares de Lugo, Elena Candia.

Antes de arrincar o pleno, PSOE e BNG avanzaban a súa intención de apoiar a candidatura que encabeza a alcaldesa de Burela, mentres que o portavoz do PP, Antonio Ameijide, volveu cualificar de "pacto da vergoña" o acordo. Dixo que “hoxe tocaba escoller entre dignidade, humildade e feminismo ou seguir pisando moqueta. Algúns partidos escolleron seguir pisando moqueta”.

Ademais, en alusión á deputada socialista Pilar García Porto, sinalou que vai estar no goberno provincial “a muller que supostamente encubriu ese acoso sexual desde outubro ata hoxe”.“Encubridora e suposto acosador serán os que dirixirán a Deputación Provincial, con total seguridade. O despacho do presidente da Deputación non vai ser o despacho de San Marcos, senón que se vai trasladar á cafetería que temos en fronte, onde noutros momentos o expresidente da Deputación supostamente ofrecía postos de traballo a cambio de sexo”, resolveu.

A deputada socialista Pilar García Porto afirmou que o PSdeG presentou para seguir gobernando a Deputación de Lugo “á mellor das candidatas posibles, Carmela López, a alcaldesa de Burela”, a cal “vai dar continuidade a todos eses proxectos que tantos anos levamos desenvolvendo e tantos beneficios trouxeron a esta provincia”. Sobre as críticas do Partido Popular, respondeu que “a vergoña nunca é traballar e involucrarse cos veciños e as veciñas”.

O portavoz nacionalista, Efrén Castro, asegurou que este mércores foi un “día importante” porque permitirá “traer a normalidade” á institución. Tamén se mostrou moi crítico coa postura do Partido Popular, ao que volveu a acusar de “carroñeirismo político”. Ao seu xuízo, os populares “tentaron cambiar o que saíu das urnas”, un Goberno bipartito de esquerda, “aproveitando unha denuncia por acoso sexual”.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade