Publicador de contidos

Publicador de contidos

Rafael Vilariño, actual líder do PSdG de Ourense, non optará á reelección

Rafael Vilariño, actual líder do PSdG de Ourense, non optará á reelección

As primarias do PSdeG de Ourense terán lugar o día 27 de abril

As diferentes sensibilidades do partido están a manter contactos para tratar de acordar unha candidatura de consenso

G24.gal 05/04/2025 12:10

O actual secretario xeral do PSOE de Ourense en funcións, o senador Rafael Rodríguez Villarino, confirmou este sábado a súa retirada do proceso orgánico para revalidar o cargo:

"É tempo de dar paso a un proxecto renovado que prenda cada vez máis ilusión na militancia socialista".

Villarino confirmou a través dun comunicado no que explica que adopta esta decisión tras "analizar o escenario das primarias provinciais e compartir opinións sobre o futuro político do socialismo ourensán con moitos compañeiras e compañeiros".

Precisamente, esta mesma semana coñecíase que o portavoz do PSOE na Deputación de Ourense e alcalde de Taboadela, Álvaro Vila, e a alcaldesa de Trives, Patricia Domínguez, se postulaban para competir pola Secretaría Xeral.

Villarino anunciou este sábado, neste contexto, a súa retirada para que o PSOE poida converterse en Ourense nunha alternativa "innovadora, crible e apaixonante".

O secretario xeral provincial manifestou a súa disposición para dar paso "á candidatura que mellor represente a competencia, a renovación e a frescura de ideas e programas" no partido, pero sen descoidar "os principios éticos, a lealdade e a integridade que sementan confianza" e protexendo as siglas "de intereses individuais ou de faccións minoritarias".

Así mesmo, Villarino reivindica a súa traxectoria na provincia, como o seu "liderado electoral" que conseguiu ao vencer as eleccións municipais de 2019 na cidade de Ourense e que tentou "facilitar un goberno municipal á altura". Con todo, un pacto entre o PP e Democracia Ourensana levou a Gonzalo Pérez Jácome á alcaldía.

O secretario provincial en funcións agradece o apoio recibido estes anos á militancia e ás persoas que integraron as súas diferentes executivas, co desexo de que os próximos proxectos políticos "eleven a prosperidade" de Ourense.
 

Contactos para unha candidatura de consenso

A retirada de  Rafa Villarino chega tras días nos que as diferentes sensibilidades do partido mantiveron contactos para tratar de acordar unha candidatura de consenso.

Nunha reunión na que participaron representantes do partido a nivel local, provincial e de Galicia, fontes socialistas sinalaron que se considerou que "o idóneo" para a provincia pasa por unha "renovación e unha candidatura única" na que se representasen todas as sensibilidades co obxectivo de reforzar o partido para as próximas eleccións autonómicas.

En pleno proceso de recollida de avais para este proceso, no caso de que non se chegue a un acordo e se os aspirantes reúnen os apoios necesarios, as primarias terán lugar o día 27 de abril.

Álvaro Vila, que foi tamén vicesecretario na executiva de Villarino, contaría co apoio da súa propia corrente, a Terceira Vía, así como de parte da provincia e dos socialistas da cidade de Ourense. Patricia Domínguez conta co aval de Laura Seara e é integrante da Executiva galega do PSdeG.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade