Armengol renuncia a ser a candidata do PSOE balear nas autonómicas de 2027
A líder socialista sinalou que a súa intención é formar parte da candidatura ao Congresos nas próximas eleccións xerais, previstas tamén para 2027
Armengol presidiu Baleares durante dúas lexislaturas consecutivas, entre 2015 e 2023
Armengol continuará como secretaria xeral do PSIB, cargo que ocupa desde 2012
A presidenta do Congreso e secretaria xeral do PSIB-PSOE, Francina Armengol, anunciou este sábado en Palma que non se presentará ás primarias do seu partido para encabezar a candidatura socialista ao Govern balear nas eleccións autonómicas de 2027.
"Fágoo por unha responsabilidade enorme no momento no que vivimos, creo que é o mellor nestes momentos", afirmou Armengol durante a reunión do Consello Político do PSIB.
A líder socialista sinalou que a súa intención, se así o decide o partido, é formar parte da candidatura ao Congresos cando o presidente do Gobierno, Pedro Sánchez, convoque as próximas eleccións xerais, previstas tamén para 2027, comentou.
Con esta decisión, Armengol renuncia a optar a un terceiro mandato a cargo do Govern balear, despois de presidir a comunidade autónoma durante dúas lexislaturas consecutivas, entre 2015 e 2023.
A dirixente socialista continuará, no entanto, como secretaria xeral do PSIB, cargo que ocupa desde 2012, alén de manter a presidencia do Congreso, responsabilidade que desempeña desde 2023.
O anuncio abre agora o proceso para elixir á persoa que encabezará a candidatura socialista á presidencia do Govern nas eleccións autonómicas de 2027 e que se enfrontará á actual presidenta autonómica, Marga Prohens (PP).
Entre os nomes mellor situados para asumir ese liderado figura o da actual secretaria de Estado de Turismo, Rosario Sánchez, segundo indicaron a EFE fontes socialistas.
A elección do candidato ou candidata decidirase mediante o proceso de primarias previsto para o próximo mes de xullo, no que poderán participar os afiliados do partido.
"Teño moitísimas ganas de gañar as eleccións nas Illas Baleares, que son a miña paixón", sentenciou Armengol.
A presidenta do Congreso lembrou que sempre sentiu "unha forza e unha calor inmensos" por parte da organización socialista ao longo da súa traxectoria política e pediu ese mesmo respaldo para os futuros candidatos socialistas ás eleccións autonómicas, municipais e aos consells insulars.
Con ocasión do Mundial de Fútbol, recorreu a un símil futbolístico para defender a necesidade de situar a cada xogador no lugar do campo onde renda máis e sexa máis eficaz para gañar o partido.
Armengol tamén lembrou que iniciou a súa traxectoria política como independente nas listas socialistas durante a etapa de goberno "do señor Aznar", porque consideraba ao PSOE, e así o cree, "o instrumento máis forte" para transformar a vida dos cidadáns e garantir a igualdade de dereitos.
"Non deixedes que ninguén vos diga que non é posible; facédeme caso: en 2027 volveremos gobernar esta comunidade autónoma", concluíu entre os aplausos dos asistentes.
Durante a súa intervención, Armengol tamén aludiu aos casos de corrupción que afectan ao PSOE, aínda que sen mencionalos expresamente.
"Sabemos que no noso partido se han cometido erros, e ante iso pedimos escusas e puxemos orde", sinalou, á vez que reivindicou os máis de 140 anos de historia e valores do partido socialista fundado por Pablo Iglesias.
Así mesmo, asegurou que o PSOE non aceptará "leccións de corrupción" do PP, e menos dos populares de Baleares, e definiu ao presidente do Gobierno, Pedro Sánchez, como "un faro no mundo das políticas progresistas".
Francina Armengol na sua intervención deste sabado no Consello Político do PSIB. Foto: Javier Fernández/ Europa Press