O Deportivo mete a quinta velocidade contra o Tarazona (4-1)
O cadro visitante igualou o gol inicial de Barbero pero afundiuse nos últimos vinte minutos
Os coruñeses suman cinco vitorias seguidas e quedan a dous puntos do Ximnástico de Tarragona e a un da Ponferradina
O Deportivo colleu velocidade de cruceiro. O que era un imposible na primeira volta, conseguir unha vitoria cómoda en Riazor, estase a converter en algo habitual. Derrotou o Tarazona por 4-1 e sumou a quinta vitoria seguida para poñerse a só dous puntos do líder, o Ximnástico de Tarragona.
O Tarazona estivo moi ben no aspecto defensivo durante un primeiro tempo en que apenas xerou perigo o equipo de Idiakez. Pero no último minuto Mella inventou unha xogada pola banda dereita que rematou Barbero.
O segundo tempo comezou cun golpe duro, o gol do empate de Álex Gil. O que antes era un afundimento agora é un acicate. Volveu aparecer un central, Pablo Vázquez, para meter a cabeza e marcar o segundo gol.
A partir dese intre todo foi moito máis doado. O colexiado non asubiou un penalti sobre Alcaina e aínda quedou tempo para vermos dous goles máis, os de Lucas Pérez e o do propio Raúl Alcaina.