Publicador de contidos
Publicador de contidos

Queremos Galego clama nas rúas contra a situación "de emerxencia" do idioma

Queremos Galego clama nas rúas contra a situación "de emerxencia" do idioma

Desde a plataforma de defensa da lingua galega reclaman o cumprimento do Plan Xeral de Normalización Linguística, aprobado hai 20 anos

G24.gal 17/05/2024 14:00 Última actualización 17/05/2024 14:59

A tradicional manifestación do 17 de maio con motivo do Día das Letras Galegas, convocada pola plataforma Queremos Galego, a favor do uso do idioma, arrincou, sobre as 12:15 horas da Alameda de Santiago, para percorrer as rúas da cidade ata finalizar na praza da Quintana.  

Antes da saída, o portavoz de Queremos Galego, Marcos Maceira, resaltou que se fan 20 anos do Plan Xeral de Normalización Lingüística e esixiu á Xunta o seu cumprimento porque o galego está, dixo, nunha situación "de emerxencia".  

A mobilización, nunha xornada con paraugas pola choiva e bandeiras e panos en apoio a Palestina, contou coa presenza de figuras do panorama político galego como a voceira nacional do BNG, Ana Pontón; o eurodeputado Nicolás González Casares ou o candidato de Sumar ás eleccións europeas, Juan Díaz Villoslada.

O BNG critica as políticas "devastadoras" do PP, que van "en contra do galego"

Ana Pontón reclamou este 17 de maio un "cambio de rumbo" á Xunta nas súas políticas en materia lingüística, debido a que ao seu xuízo son "devastadoras" e van "en contra do galego".

"O PP leva 15 anos traballando en contra da nosa lingua. Vémolo cando incumpre toda lexislación en defensa do noso idioma, o Estatuto de Autonomía, a Lei de Normalización Lingüística ou o Plan Xeral de Normalización dá Lingua Galega, aprobado por unanimidade no parlamento hai agora 20 anos", expresou Pontón.

A líder do Bloque expresou o seu "orgullo" por ter unha lingua propia que fai que os galegos estean no mundo cunha voz, aceno de identidade dun pobo "con empuxe e futuro".

Reivindicou "mil primaveras máis" para o galego e criticou ao PP por situarse na "ilegalidade lingüística, sempre en contra do galego".

O PSdeG reivindica a defensa da lingua, "máis necesaria que nunca"

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, celebrou o acto conmemorativo do Día das Letras na Coruña como "unha oportunidade" para reivindicar o patrimonio lingüístico galego, cuxa defensa é hoxe "máis necesaria que nunca".

Desde o Teatro Colón destacou a homenaxe a Luísa Villalta como "o xusto recoñecemento a unha autora con maiúsculas", unha escritora que sempre defendeu o galego e fíxoo "cunha liberdade creativa que 20 anos despois da súa morte segue estando tan viva como o primeiro día".

O líder socialista lembrou que o pasado 11 de abril, con motivo da sesión de investidura do presidente da Xunta, o PSdeG "adiantouse a ofrecer un gran pacto pola lingua" para reverter a perda continua e "preocupante" de falantes nas últimas dúas décadas, de 10 puntos porcentuais.

A defensa da lingua "é un deber de todos", asegurou Besteiro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar