Queixas veciñais pola maleza na leito do río Sarela, en Santiago
Veciños de Santa Isabel e do Carme de Abaixo piden unha limpeza periódica do leito urbano
Din que a vexetación bloquea o paso da auga e provoca inundacións no inverno
Durante a primavera é difícil velo, pero baixo a vexetación pasa o río Sarela. "Nos últimos anos non se sabe se hai un río ou unha selva, está moi descoidado", comentan na zona. "O parque que o rodea está sempre moi coidado, pero o leito está invadido pola maleza"; "Levan seis anos sen limpalo, está cheo de vexetación".
"Non sei que plantas son, imaxino que son do país, propias do río, e a política dos de parques é deixalas para que sigan o seu ciclo natural, que nazan, florezan e morran".
Os veciños máis afectados son os de Santa Isabel e o Carme de Abaixo, cuxas casas limitan co paseo do río. Aseguran que a vexetación, algunha autóctona e outra invasora, bloquea a saída das canalizacións de augas pluviais. Isto facilita que no inverno se formen tapóns e inundacións coma esta, do pasado mes de xaneiro.
"Cando chove moito, como non hai espazo no leito no río, este reborda e a min éntrame auga na casa"; "Entra a auga, primeiro na igrexa do Carme e despois nas casas dos veciños"; "Vaise acumulando a auga, hai pólas e maleza que a paran, e nos anos que chove moito coma este, nótase".
Teñen claro que un río non é un xardín pero piden que o Concello e Augas de Galicia fagan un mantemento periódico deste leito urbano. Tamén piden reforzar a vixilancia das verteduras, xa que sospeitan da presenza de sedimentos e fertilizantes que puidesen estar favorecendo o crecemento desmedido da maleza.