Queda pouco tempo para mercar os últimos décimos da lotaría do Neno
O sorteo celébrase o Día de Reis ao mediodía
Cada décimo do primeiro premio levará 200.000 euros e do segundo, 75.000
Xa non quedan moitos décimos físicos nalgunhas administracións porque esta campaña do Nadal din os loteiros que funcionou moi ben aínda que non caeran premios grandes en Santiago. O que si repartiron foron moitos premios miúdo e reintegros.
"Este ano foi unha campaña moi produtiva e superamos as expectativas. A venda foi bastante boa e a campaña do Neno, igual. Á espera dos últimos flocos que quedan por vender pensamos que xa está practicamente rematada", recoñece Xesús Pazos, da administración nº 10 de Santiago.
"Tocaron gran cantidade de premios miúdos e terminacións. Houbo premios e entón a xente está mercando o seu décimo porque a tradición segue para o Neno", di Pedro Castillo, loteiro da administración nº 6 de Santiago.
Pasado o Nadal xa somos menos escollidos para elixir os décimos pero seguimos tirando da lotaría como agasallo de última hora.
"O que fago con meus irmáns, en lugar de mercarlles roupa, que non é unha sorpresa, o que fago desde hai uns anos é mercarlles un décimo do Neno. E teñen a sorte de que lles toca polo menos o reintegro", conta unha compradora.
Se queremos o décimo físico poderemos mercalo ata que pechen as administracións o luns pola tarde, igual os Reis traen a sorte á hora das cabalgatas.
"Pódense achegar a calquera administración para recoller o último décimo, que pode ser o agraciado", advirte Xesús Pazos, da administración nº 10 de Santiago.
"Espero que este ano sexa o que toque o Neno en Santiago", desexa Pedro Castillo, loteiro da administración nº 6 de Santiago.