Publicador de contidos

Publicador de contidos

Putin suspende o tratado nuclear e di que levará a guerra "ata o final"

Putin suspende o tratado nuclear e di que levará a guerra "ata o final"

O presidente dos Estados Unidos asegura que Occidente non quere destruír a Rusia

Rusia asegura que a suspensión do tratado é reversible e que respectará os límites máximos de armas nucleares

Antón Montero 21/02/2023 20:19 Última actualización 21/02/2023 22:22

Cunha longa ovación saudaron os membros do Parlamento ruso o anuncio de Vladimir Putin do abandono do START III, o acordo subscrito en 2010 cos Estados Unidos e prorrogado hai dous anos para limitar as cabezas nucleares.

Putin explicou que non o abandonan, senón que o conxelan. Dixo que é absurdo permitir que Washington supervise os seus arsenais atómicos ao tempo que occidente intenta arrebatarlle a Rusia os seus territorios históricos, en referencia a Ucraína.

"Estamos falando da existencia do noso país, pero que non se equivoquen. É imposible derrotar a Rusia no campo de batalla", dixo o presidente ruso.

O secretario xeral da OTAN instou a Putin a reconsiderar unha decisión que fai do mundo un lugar máis perigoso. 

"Coa decisión de hoxe sobre o Novo Start, toda a arquitectura do control de armas quedou desmantelada", dixo Jens Stoltenberg.

"A intervención de hoxe de Putin a todos nos deixa absolutamente preocupados. Pon de relevo que non ten ningún interese en conseguir a paz", engadiu a ministra de Defensa Margarita Robles.

"Profundamente desafortunado e irresponsable", así cualificaba o anuncio o xefe da diplomacia estadounidense Anthony Blinken.

Joe Biden coñeceu o anuncio de Putin durante a súa visita oficial a Polonia. O presidente dos Estados Unidos non se referiu a el, pero si aseverou que, un ano despois do inicio da guerra, a OTAN é máis poderosa ca nunca.

A suspensión do tratado pode ser reversible e respectaranse os máximos de armas nucleares

Despois do discurso de Putin, o ministerio de Exteriores de Rusia matizou as palabras do seu presidente.  Nun comunicado aseguran que a suspensión do último tratado de desarmamento nuclear anunciada polo presidente "pode ser reversible". E para conseguilo, din que os Estados Unidos deben amosar vontade política e crear as condicións para o reinicio do acordo.

Ademais, din que Rusia ten intención de seguir respectando os límites impostos polo START mentres siga en vigor, ata o ano 2026.

Os EUA suspenderon o diálogo sobre control de armas tras o inicio hai case un ano da invasión rusa a Ucraína e o último intento de renovalo en novembro pasado foi posposto indefinidamente por Moscova. 

Ademais, Rusia informou en agosto a Washington da súa decisión de prohibir as inspeccións estadounidenses in situ do seu arsenal nuclear, ao alegar dificultades para facer o propio nos Estados Unidos debido ás sancións occidentais.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade