Putin descarta un cesamento das hostilidades ata que as tropas ucraínas non se retiren
Putin, disposto a incluír no futuro acordo de paz o compromiso ruso de non atacar Europa
O líder ruso quere negociar cos EUA o recoñecemento de soberanía rusa sobre Donbás e Crimea
Vladimir Putin (Reuters)
O presidente ruso, Vladímir Putin, descartou este xoves un cesamento das hostilidades en Ucraína ata que as tropas ucraínas non se retiren das catro rexións anexionadas por Rusia en 2022.
"(Se) as tropas de Ucraína se repregan dos territorios que ocupan, entón cesarán os combates. (Se) non se van, lograremos isto pola vía militar", dixo Putin durante unha rolda de prensa en Kirguizistán transmitida en directo pola televisión rusa.
Ademais, Putin mostrouse disposto a incluír nun futuro acordo de paz o compromiso de Rusia de non atacar a Europa.
"Unha cousa é dicir que Rusia non ten intención de atacar a Europa. Para nós é algo que soa gracioso, nunca tivemos esa intención. Pero se queren escoitar isto de nós, pois imos poñelo (en papel). Non hai ningún problema", dixo.
O mandatario ruso puxo en dúbida o estado mental dos dirixentes europeos, antes de engadir: "Ou son uns delincuentes que queren sacar algo a cambio" cando se refiren a un posible ataque ruso a Europa e chaman a un necesario rearmamento.
Deste xeito, suxeriu que estas persoas serven a intereses da industria de defensa e empresas privadas.
"É difícil determinar cales son os seus motivos, pero desde a nosa perspectiva isto é un completo disparate, unha mentira", sinalou.
Doutra banda, asegurou que quere abordar nas negociacións cos Estados Unidos o recoñecemento da soberanía rusa sobre o Donbás e a península de Crimea, territorios ucraínos anexionados por Moscova.
"Debe ser un tema de conversación nas nosas negociacións coa parte estadounidense (...) É un dos puntos clave", dixo.