Publicador de contidos

Publicador de contidos

Ábalos e Koldo entran na prisión de Soto del Real por risco extremo de fuga

Ábalos e Koldo entran na prisión de Soto del Real por risco extremo de fuga

O Congreso inicia o trámite para suspender a Ábalos dos seus dereitos: non perderá a súa acta de deputado, pero non poderá votar, nin cobrará o soldo como parlamentario

É a primeira vez que un deputado nacional en exercicio entra en prisión

Ábalos e Koldo García, a súa chegada o Supremo este xoves-Europa Press
G24.gal 27/11/2025 15:47

O Tribunal Supremo acordou enviar o exministro José Luis Ábalos e o que fora o seu asesor, Koldo García, a prisión provisional sen fianza polo risco "extremo" de fuga de ambos ante a proximidade do xuízo que se celebrará na súa contra, por presuntos amaños nos contratos públicos para a compra de material sanitario, e a elevada petición de penas: ata 30 anos de cárcere. É a primeira vez que un deputado nacional en exercicio entra en prisión.

Ambos os dous atópanse xa no centro penitenciario de Soto del Real.

Vehículo da Garda Civil que trasladou a ábalos e Koldo García ata o cárcere de Soto del Real (Efe/Rodrigo Jiménez) Vehículo da Garda Civil que trasladou a ábalos e Koldo García ata o cárcere de Soto del Real (Efe/Rodrigo Jiménez)

O instrutor do caso Koldo no TS explica que, ademais de existir indicios máis que bastantes da eventual comisión de graves feitos delituosos por parte de ambos, o risco de que fuxan resulta neste momento "extremo", polo que entende que non pode conxurarse co simple mantemento das medidas cautelares que pesaban ata o de agora sobre ambos: prohibición de saída do país e comparecencias cada quince días en sede xudicial.

No caso de Ábalos, Leopoldo Puente ordena comunicar a súa decisión á presidenta do Congreso dos Deputados, Francina Armengol, como marca a lei, así como o auto polo que lles situou a ambos a un paso de xuízo. 

Suspensión das súas funcións

De feito, a Presidencia do Congreso enviou xa un oficio ao Tribunal Supremo co fin de que certifique a decisión de ingreso en prisión provisional e o auto de procesamento do deputado José Luis Ábalos e iniciar o trámite para a suspensión das súas funcións e atribucións parlamentarias.

Será a Mesa do Congreso a que terá que acordar a suspensión das atribucións parlamentarias do exministro, segundo o artigo 21.2 do Regulamento da Cámara.

Dito precepto sinala que os parlamentarios quedarán suspendidos dos seus dereitos e deberes mentres se achen en situación de prisión preventiva ou cando a sentenza sexa firme e o seu cumprimento implique a imposibilidade de exercer as súas funcións.

Ábalos non perderá a súa acta de deputado, pero non poderá votar, nin cobrará o soldo como parlamentario, nin poderá exercer tampouco outras das prerrogativas ligadas á súa condición, como presentar preguntas ao Executivo.

Dúas resolucións case idénticas, e non menos de dez anos de prisión

En dúas resolucións case idénticas, de 13 e 14 páxinas, o instrutor detalla os "tres fitos" que lle empuxan a actuar así: que xa propuxo xulgalos, ante "os consistentes indicios" de que cometeron graves delitos; "a extensión das penas solicitadas", que "resulta tan relevante que se comenta por si soa"; e a proximidade do xuízo.

O maxistrado fai seu o catálogo de delitos plasmado pola Fiscalía Anticorrupción no seu escrito de acusación. Así, achácalles delitos de integración en organización criminal, tráfico de influencias, malversación e suborno, sumando tamén o de uso de información privilexiada, que introduciu o Ministerio Público como novidade.

Ademais, Puente lembrou que ambos están investigados nunha peza separada sobre presuntos amaños de obra pública, un asunto polo que "igualmente poderían derivarse graves responsabilidades penais" contra eles.

En canto ás potenciais penas, razoa que, incluso "partindo da hipótese" de que fosen condenados á pena menor por cada un deses delitos, "o conxunto de todas elas aínda significaría unha sanción privativa de liberdade de extensión non menor aos 10 anos de prisión --12 anos e 6 meses de prisión, precisou o Ministerio Público--".

Así mesmo, anticipa que "a condición de aforado (...) determina que, previsiblemente e visto o estado actual da causa, o acto do xuízo oral vaia a ser celebrado en apenas uns meses, sen que a prisión provisional, en consecuencia, puidese en ningún caso superar ese relativamente breve período de tempo".

Unha decisión que confirma a petición da Fiscalía Anticorrupción

Desta forma, accedeu ás peticións do xefe da Fiscalía Anticorrupción, Alejandro Luzón, e das acusacións populares que lidera o PP, que reclamaran o ingreso en prisión de ambos os ao considerar que agora que se enfrontan a ata 30 anos de cárcere o risco de fuga disparouse.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade