O Parlamento portugués aproba os orzamentos de 2026 coa abstención do Partido Socialista
O documento inclúe baixadas de impostos, axudas á vivenda e subas de salarios e pensións
A oposición incorpora máis de 160 emendas durante a tramitación
O Parlamento de Portugal aprobou este xoves os orzamentos para 2026 co apoio do PSD e do CDS-PP, socios do primeiro ministro Luís Montenegro, e coa abstención do Partido Socialista. Chega, Iniciativa Liberal, o PCP, Livre, o Bloco de Esquerda, o JPP e o PAN votaron en contra.
Rebaixas fiscais, suba do salaio e pensións e axudas á vivenda
O texto prevé reducións de impostos para persoas físicas e empresas, unha suba do salario mínimo e das pensións, e axudas á vivenda.
Os Orzamentos destinan 2.152 millóns de euros ao aumento da oferta de inmobles públicos e á mobilización de patrimonio estatal para proxectos residenciais. Tamén recollen unha baixada do IVE na construción do 23 ao 6 por cento.
En materia fiscal, inclúen unha redución do Imposto sobre as persoas Colectivas (IRS en portugués) mediante o incremento dos límites dos treitos e unha baixada de 0,3 puntos porcentuais nas taxas do segundo ao quinto chanzo. No caso das empresas, prevén unha baixada do IRC ao 19 por cento en 2026 para os primeiros 50.000 euros da base impoñible en pequenas e medianas empresas.
Os orzamentos contemplan unha suba de 50 euros no salario mínimo, que chegará a 920 euros en 2026, e un incremento de 40 euros no Complemento Solidario para as Persoas Maiores.
A partida destinada a infraestruturas ascende a case 4.300 millóns de euros para avanzar na alta velocidade ferroviaria, modernizar a rede convencional, ampliar estradas e continuar coa construción do novo aeroporto de Lisboa en Alcochete.
Unha tramitación con máis de 160 emendas
Durante o proceso parlamentario incorporáronse máis de 160 emendas, incluídas propostas da oposición como a conxelación das taxas universitarias e a exención de peaxes na A-25 e en tramos da A-6 e da A-2.
Tras a aprobación, Montenegro afirmou que o Goberno afrontará 2026 con optimismo e responsabilidade. Sinalou que Portugal conta cunha situación financeira e política estable e con expectativas económicas favorables para atraer investimento e mellorar salarios e emprego.
O primeiro ministro estimou que as emendas introducidas pola oposición supoñen un impacto próximo aos 100 millóns de euros. Considerou que o proceso vulnerou o papel institucional de cada actor e criticou a inclusión anual de propostas que, ao seu xuízo, converten o trámite orzamentario nunha poxa.
No peche do debate, o ministro adxunto e da Reforma do Estado, Gonçalo Matias, lembrou que as previsións do Executivo, da Comisión Europea e do Banco de Portugal apuntan a un aumento do PIB do 2 por cento en 2025 e do 2,3 por cento en 2026.