Putin ameaza con atacar calquera país que interfira na súa ofensiva en Ucraína
O presidente ruso di que está disposto a usar o seu arsenal de mísiles hipersónicos
A OTAN teme un ataque ruso en Moldova e anuncia o seu apoio ao país
Clara advertencia de Vladimir Putin aos aliados de Ucraína. Nunha intervención diante da Asemblea Nacional de San Petersburgo, o presidente ruso asegurou que non vai aceptar que ningún país interfira na súa ofensiva militar.
Putin afirmou que completará todos os obxectivos marcados en Ucraína. E deixou claro que ante calquera ameaza de seguridade Rusia responderá cun ataque súpeto, utilizando, se é necesario, o seu arsenal de mísiles hipersónicos, capaces de alcanzar obxectivos a 2.000 quilómetros e transportar cargas nucleares.
A advertencia chega despois de que os aliados de Ucraína, cos Estados Unidos á cabeza, asegurasen o seu apoio económico e loxístico ao goberno de Kíiv, cun incremento substancial nos envíos de armamento.
O exército ruso asegura que precisamente hoxe bombardeou en Zaporizhia un depósito de armas que Ucraína acababa de recibir. E afirma tamén que está a piques de controlar esa provincia, xunto coas de Mikolaiv e de Khárkiv.
En Mariupol continúan os ataques á metalurxia de Azovstal, onde segundo os soldados que están alí atrincheirados hai 600 persoas feridas e sen posibilidades de saír.
Ademais Rusia inclúe entre os seus logros a derruba de parte da ponte ferroviaria que conecta Odessa con Romanía e cos principais portos do Danubio, un golpe importante para as exportacións ucraínas.
Na fronteira con Moldova, na rexión separatista de Transnistria, rexistrouse unha nova explosión preto dun almacén militar da etapa soviética.
A OTAN sospeita que pode ser un ataque ruso con falsa bandeira ucraína para xustificar a súa invasión en territorio moldavo, algo que considera inaceptable. Malia que Moldova non forma parte da Alianza Atlántica, esta xa anuncia que apoiará a soberanía e a integridade do país ante un eventual ataque ruso.