Publicador de contidos
Publicador de contidos

Puente cuestiona os prazos da alta velocidade en Portugal e di que en España "chegaremos"

Puente cuestiona os prazos da alta velocidade en Portugal e di que en España "chegaremos"

O ministro de Transportes e Mobilidade Sostible asegura que a ausencia de empresas españolas, "que son as mellores do mundo", non permite ser moi optimista nos prazos de construción da infraestrutura en territorio luso

Puente ve desexable poñer fin ás concesións das autoestradas canto antes

O Goberno busca implantar un billete único para o transporte público por toda España en 2026

Óscar Puente, ministro de Transportes e Mobilidade Sostible (EFE/Javier Lizón)
G24.gal 09/01/2025 11:48 Última actualización 09/01/2025 23:13

"Reitero o compromiso de do Goberno de España de chegar nos prazos comprometidos á fronteira, pero iso non servirá de nada se no outro lado non fan os deberes", asegurou este xoves o ministro de Transportes e Mobilidade Sostible, Óscar Puente, quen puxo en cuestión os prazos marcados polas autoridades lusas para a construción do trazado da alta velocidade no seu territorio e posibilitar a conexión con Galicia e Estrmadura.

Segundo explicou Puente, nun almorzo informativo este xoves en Madrid, as empresas españolas de obras públicas non van tomar parte na licitación desas obras. Iso, dixo o ministro, é para el un síntoma de que Portugal non vai poder chegar a tempo ao ano 2030 que se marcou no calendario para a súa finalización. "Alértame en relación aos prazos", advertiu.

"Se as empresas españolas de obra pública, que son, sen ningunha dúbida, as mellores do mundo, as máis competitivas, as que están en condicións de desenvolver a obra en relación calidade prezo mellor do mundo, marchan da alta velocidade de Portugal, non me permite ser moi optimista", explicou Puente.

Amais, segundo o ministro de Transportes hai outros indicios que fan pensar que Portugal non chegará a tempo. "Lin outra cousa que me puxo os pelos de punta: falo de dous treitos, pero é que o terceiro está previsto saír a concurso no ano 2026 e lin que a planificación de obra lévao a 2032, a conexión O Porto-Lisboa", explicou.

"Entón como é posible que haxa en gobernos territoriais españois que din que Portugal vai chegar á fronteira con Badaxoz, que non está na planificación, ou á fronteira con Galicia, ou xa, no colmo, á fronteira con Andalucía, en Faro-Huelva, antes de 2030. Non vai ser así", afirmou o ministro.

"O Goberno de España si que o vai facer", insistiu Óscar Puente. "Antes do ano 2030 [a alta velocidade] chegará a Estremadura, e para iso tivemos que tomar decisións non agradables, que non gustaron nalgún territorio, pero chegaremos. E chegaremos tamén á fronteira galega".

"Só espero que tamén o Goberno portugués faga os deberes", concluíu Puente.

Desexable poñer fin ás concesións das autoestradas canto antes

O ministro de Transportes tamén dixo que cre que é desexable poñer fin ás concesións de autoestradas canto antes, aínda que advirte de que non é fácil, xa que no 2000 algunhas prorrogáronse ata 2048 e os rescates serían enormemente custosos para o erario publico.

O ministro avogou por un único sistema, xa que entende que non é xusto ter un no que haxa peaxes nuns territorios e noutros sexa gratis.

Respecto diso, precisou que gratis non se circula por ningún sitio, porque as estradas sempre se pagan ou con orzamentos ou con peaxes.

Neste sentido, insistiu en que non é de recibo que algúns paguen dúas veces, con impostos ou con peaxes, e por iso defende un sistema xusto, unha táboa rasa, e que se abra un debate sobre como se quere financiar esas infraestruturas.

O ministro dixo ser partidario de que pague quen as usa, pero subliñou que non pode ser unha decisión unilateral, senón froito do consenso porque é estrutural, xa que afecta o país durante décadas.

"É unha decisión na que teriamos que poñernos de acordo", recalcou Puente, quen asegurou que é duro, pero moi dialogante, e que lle gustaría chegar a un entendemento co PP.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade