Publicador de contidos

Publicador de contidos

Acordo entre os socios de Goberno sobre os presupostos xerais de 2023

Acordo entre os socios de Goberno sobre os presupostos xerais de 2023

O acordo formalizouse nunha reunión entre o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e a vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, Yolanda Díaz

As contas revalorizarán as pensións, crean unha prestación por fillos menores de 3 anos e mellora a prestación para desempregados 

Unidas Podemos e PSOE non alcanzaron acordo sobre lei de vivenda o a derrogación da lei mordaza

G24.gal 04/10/2022 08:01 Última actualización 04/10/2022 13:00

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e a vicepresidenta segunda, Yolanda Díaz, escenificaron este martes no Palacio da Moncloa o acordo ao que chegaron os dous socios do Executivo para o proxecto de lei de orzamentos de 2023, que, segundo o xefe do Executivo, permitirá protexer a clase media e traballadora, avanzar en xustiza social e garantir a prosperidade económica.

Despois de lograr ese acordo e antes do inicio da reunión do Consello de Ministros que vai aprobar o proxecto de lei, Sánchez e Díaz reuníronse na sala Tàpies da Moncloa para simbolizar o pacto ao que chegaron. 

As negociacións entre ambas as partes prolongáronse ata a 1 da madrugada, e foi á primeira hora da mañá deste martes cando informaron do acordo ao que chegaron.

O Executivo destaca que os orzamentos de 2023 incorporarán o maior gasto social da historia para reforzar o estado de benestar e supoñen unha nova mostra de estabilidade, dado que o Goberno saca adiante as súas contas "en tempo e forma por terceiro ano consecutivo".

"Un novo acordo para un país mellor", celebrou Sánchez nunha mensaxe nas redes sociais sobre o pacto alcanzando esta madrugada con Podemos respecto ao proxecto de lei de orzamentos xerais do Estado para 2023.

O xefe do Executivo subliñou que "por terceira vez consecutiva, aprobamos uns orzamentos xerais do Estado para protexer a clase media e traballadora, avanzar en xustiza social e garantir a prosperidade económica de España. Seguimos!". 

Este pacto chega tras unhas negociacións de última hora entre os dous socios de Goberno, despois de que este luns á noite Yolanda Díaz advertira de que seguían existindo diferenzas profundas no seo da coalición para pechar o acordo, sobre todo en tema de vivenda. 

O último que transcendeu é que os socios de goberno tiñan diferenzas sobre o gasto social, a lei de vivenda e o incremento do gasto militar. Moncloa di agora que este acordo é unha mostra de estabilidade, que permitirá aprobar os Orzamentos en tempo e forma. E que saen reforzadas partidas como Sanidade ou Educación. 

Yolanda Díaz detalla que o acordo dos PXE inclúe a despregadura dunha lei de familias e a revalorización das pensións

A vicepresidenta segunda e ministra de Traballo Yolanda Díaz detallou este martes que o acordo alcanzado no seo da coalición gobernamental sobre as contas públicas para o ano que vén inclúe, entre outras cousas, a despregadura dunha Lei de familias que incluirá novos permisos de conciliación e a revalorización das pensións. 

Así o explicitou Yolanda Díaz nun fío no seu perfil oficial de Twitter instantes despois de que se anunciase un acordo.

Explicou que o acordo mostra "o compromiso" de tramitar urxentemente unha Lei de familias, con novos permisos de conciliación: para coidadores, para atender circunstancias familiares imprevistas ou un novo permiso parental de oito semanas.

Ademais, a persoa que leva a voz cantante de Unidas Podemos dentro do Goberno desvelou que tamén se impulsará unha prestación de crianza de 100 euros ao mes para familias con menores de 0 a 3 anos e, entre outras cousas, asimilaranse as familias monoparentais con dous fillos á actual categoría de familias numerosas.

Revalorización das pensións 

Yolanda Díaz tamén asegurou que as pensións, sexan contributivas ou non, se incrementarán para que manteñan o seu poder adquisitivo fronte á alza inflacionista. "Os nosos maiores teñen dereito a vivir con tranquilidade nun contexto convulso como o actual", celebrou.

En materia de emprego, a ministra sinalou que se recuperará o 60 % da base reguladora desde os seis meses de prestación, unha medida que, segundo calcula, beneficiará unhas 300.000 persoas, "un grande avance que chegará a miles de fogares".

Por outra banda, dotarase con 600 millóns de euros un plan de choque en dependencia co obxectivo de reducir as listas de espera e executaranse novas prestacións e servizos. Así mesmo, o IMV aumentará nos mesmos termos que as pensións e o IPREM situarase en 600 euros mensuais a partir do 1 de xaneiro de 2023.

Sen lei de vivenda nin derrogación da lei mordaza

Unidas Podemos non conseguiu arrincar do seu socio socialista no Goberno dúas das súas principais esixencias e asinou o acordo orzamentario para 2023 sen desbloquear a lei de vivenda, para topar os alugueiros e frear subidas abusivas das hipotecas, e sen lograr derrogar a lei mordaza do PP.

O voceiro no Congreso da formación morada dixo que seguirán pelexando para intervir o mercado inmobiliario porque é un dereito humano.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade