Provoca un accidente cando conducía en sentido contrario no centro de Santiago
A Policía Local inmoblizou o vehículo e abriu dilixencias contra o condutor por un presunto delito contra a seguridade viaria
Nun cruzamento, próximo á praza de Galicia, o condutor inicia o seu percorrido en sentido contrario. Incorpórase á rúa do Horreo desde Montero Ríos e circula por dirección prohibida varios metros. A Policía Local de Santiago recibe aviso ao momento.
"Avisou unha persoa que circulaba en motocicleta, que lle viña o vehículo de fronte, claro está". "Avisou o condutor e mais chamou a policía", di Tomás Ferro.
As advertencias non impediron que o coche provocara un aparatoso accidente nunha das principais arterias de comunicación da cidade. Bateu contra varios vehículos estacionados na vía.
"Ao que se debeu, o home non coñecía a cidade, é un home de nacionalidade brasileira e ao non coñecer a cidade, despistouse, circulou en sentido contrario e ao tentar recuperar o sentido normal de circulación, foi na manobra de marcha atrás cando colisionou". "Tres motocicletas e un vehículo que tamén estaba estacionado", di o axente.
A pesar dos danos escasos, os axentes desprazados no lugar tiveron que inmobilizar o vehículo e abrir dilixencias contra o condutor por un presunto delito contra a seguridade viaria.
"Está a ser investigado por carecer de permiso administrativo para conducir e tamén estaba sen seguro desde o mes de febreiro". "O do seguro é unha falta administrativa, pero o do permiso é un delito tipificado neste país", explica Ferro.
O sinistro sucedeu o domingo pola tarde, con moi escaso tráfico na cidade, o que puido evitar que as consecuencias dun descoido ao volante fosen maiores.