Protestas veciñais por un piso ocupado por toxicómanos en Marín
Inquilinos e propietarios levan seis meses agardando a orde do xulgado que os bote do inmoble
Veciños dun edificio en pleno centro de Marín denuncian a ocupación, dende setembro, dun piso na súa comunidade. Acusan os inquilinos dunha convivencia imposible polos problemas que causan ao resto, moitos deles relacionados co tráfico e consumo de drogas.
O andar 14 do edificio, un piso de 150 metros, está ocupado por non menos de 15 persoas que entraron cun familiar da propietaria. Agora esa persoa xa non vive nel, pero o inmoble segue ateigado. A denuncia aínda non deu os seus froitos e os veciños non aguantan máis.
Ofrecéronlles marchar e perdoarlles os gastos do completo estrago que fixeron aquí, pero os ocupas non aceptaron. A convivencia con eles nun lugar que mesmo publicitan en redes sociais como lugar de venda de drogas e reunión para toxicómanos é imposible para os veciños.
Convocaron unha protesta para mañá pedindo apoio á cidadanía de Marín, mentres agardan pola orde do xulgado que obrigue a botar os ocupas.