Protesta dos taxistas, folga do transporte e obras en Alfonso Molina, coinciden nun só día na Coruña
Protesta dos taxistas, folga do transporte e obras en Alfonso Molina, coinciden nun só día na Coruña
Os taxistas mobilízanse pola "inacción" do Concello ante as "irregularidades" dos VTC e o consistorio asegura que hai "diálogo" co sector e urxe unha regulación autonómica
O sector do taxi mobilizouse este martes na Coruña para denunciar a "inacción" do Concello fronte ás "irregularidades" dos vehículos de transporte con condutor (VTC), os cales, asegura, realizan servizos urbanos cando a súa licenza permite exclusivamente os desprazamentos interurbanos.
"Do que se trata é de facer cumprir a lei", reclamou o portavoz do colectivo, Juan Carlos Sambad, tras denunciar que "agora mesmo son preto de cen as licenzas de VTC que están a operar sen ningún tipo de control na cidade". "Estamos a falar de sete anos de inacción", insistiu.
Desde a Policía Local precisaron que esta mobilización provocou "moitas retencións na zona centro da cidade". "Sobre todo na zona da praza de Ourense e en Alfonso Molina dirección entrada", incidiron. Unha avenida na que ademais hai cun carril cortado debido a unhas obras.
Pola súa banda, o tenente de alcalde, José Manuel Lage Tuñas, cuestionado por este asunto, asegurou que o consistorio atópase "en diálogo aberto permanentemente coas entidades que representan ao sector do taxi".
Así mesmo, apuntou que "a comunidade autónoma debe ter unha regulación específica para os VTC". "Debería de facerse un esforzo por parte da Administración galega de non pasarlle a pelota aos concellos e acordar unha regulación conxunta", concretou.
A mobilización dos taxistas coincidiu cunha nova xornada de folga do transporte da provincia da Coruña
A folga de traballadores de autobuses da provincia da Coruña prexudicou este martes o transporte interurbano, cun seguimento case total, segundo os sindicatos convocadores. A folga, a sexta dun total de dez xornadas, está convocada para reclamar un novo convenio provincial.
Segundo os sindicatos o paro foi secundado por "case o 100 %" dos traballadores de empresas de transporte interurbano e escolar da provincia, e do urbano en Santiago de Compostela.
Pola súa banda, fontes da Consellería de Presidencia facilitaron nun texto datos de cumprimento do 21 % dos servizos mínimos no transporte interurbano e do 51 % no transporte escolar.