Publicador de contidos

Publicador de contidos

Proliferación en Lugo dos roubos nos coches

Proliferación en Lugo dos roubos nos coches

Os ladróns levan calquera obxecto de valor que atopen nos vehículos aparcados na rúa, sobre todo en lugares illados ou mal iluminados

Comprobar se o coche queda ben pechado axuda a evitar roubos
Félix Aragunde/Imaxe: Manu Torres 13/07/2026 13:44

Nos últimos meses disparáronse en Lugo os roubos nos vehículos estacionados na vía pública. Entre Albeiros e Garabolos, ata media ducia de coches foron desvalixados en cuestión de días, uns feitos que se repetiron noutros barrios periféricos da cidade e na contorna do HULA.

"O verán é cando máis se dan estes casos, porque os corpos policiais tamén teñen vacacións. Hai menos efectivos e a periferia da cidade queda máis desprotexida. Entón hai que mirar de non deixar nada dentro dos coches, que realmente só teñen que quedar coa documentación e nada máis", sinala Fernando Rois, voceiro da Federación de Asociacións de Veciños Lugo Rural Importa.

Os dispositivos electrónicos, como tabletas ou móbiles, os cargadores ou as balizas V-16 figuran entre os obxectos máis buscados polos amigos do alleo. Cómpre, por tanto, evitar deixar artigos de valor á vista, procurar non aparcar nunha zona illada ou mal iluminada e pechar ben o coche.

"Pasan ao lado dos coches e se ven que hai un ordenador ou algo que roubar, rompen a xanela e lévano. Agora din que van a polas V-16, posto que saben que valen 30 euros e no mercado negro véndenas por 10 ou 15. Como sabemos todos que é obrigatoria, pois andan niso", advirte o portavoz veciñal. 

Dende a comisaría lucense recomendan ademais denunciar canto antes, para facilitar que os investigadores poidan dar cos autores dos roubos. Foi o que aconteceu hai escasos días, cando un dispositivo policial permitiu a detención de dúas persoas supostamente implicadas nestes feitos. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade