Programación especial na TVG con motivo da final do Mundial (España-Arxentina)
O mundo paralízase hoxe con motivo do partido máis importante, e nesta casa temos previsto un despregamento especial
Un programa en directo (20:00h, TVG e AGalega.gal, para darlles conta de todo o ambiente previo ao partido)
Se España gaña a final, outro especial ao remate da final para achegarlles todas as celebracións da afección nas rúas
Esta noite, España disputa a segunda final da súa historia nunha Copa do Mundo. Faino diante da Arxentina, nun partido que comeza ás 21:00h, hora galega, no Estadio de Nova York/Nova Jersey. E, por toda a xeografía galega, hai previsto un amplo despregamento con pantallas xigantes nas cidades e vilas para ver o partido.
Con este motivo, a Televisión de Galicia ten previsto un programa especial coa previa, pulsando o ambiente nas nosas rúas. Comezará ás 20:00h, en directo na TVG e en AGalega.gal.
Se España ergue a súa segunda Copa do Mundo, o programa terá continuidade cando remate o encontro, para achegarlles as imaxes das celebracións polas rúas galegas.
O presidente da RFEF, Rafael Louzán, anima a presenciar estes especiais: "Ola a todos, e felicidades á TVG por ofrecer un programa especial nunha cita moi especial, como é a Copa do Mundo. España está na final, e quero agradecer a eses milleiros de persoas nas prazas de Galicia, que levan vivido co éxito de España. España ten unha estrela, e podemos volver a repetir a xesta. Vervos aí, enchendo as prazas, gozade moito e imos por un éxito máis."