Protestas polos problemas de estacionamento na contorna do río Miño en Lugo
Residentes de San Lázaro pide medidas para regular os estacionamentos ante a grande afluencia de xente
Aseguran que se dan situacións de risco e que hai días en que os coches mesmo bloquean as entradas das casas
A veciñanza do barrio de San Lázaro en Lugo reclama medidas para regular os estacionamentos ante a grande afluencia de xente que se despraza á contorna do río Miño nas tardes de verán.
Algúns residentes mesmo colocaron carteis para tratar de evitar que lles aparquen diante da casa. Porque abrir a porta e "ter o coche aquí... e non podes saír", comenta unha veciña, que explica que coa chegada do bo tempo, no Club Fluvial non hai aparcadoiros suficientes, "entón veñen aquí e ocúpase todo diante da casa".
Os problemas rexístranse en tramos de Fermín Rivera, a estrada de Orbazai e especialmente na rúa San Lázaro, en pleno Camiño Primitivo.
"O cabreo témolo todos os días que sae o sol e temos os coches e dicimos: a ver se podemos baixar ou podemos subir".
A rúa ten dobre sentido de circulación, ten moita pendente e non conta con beirarrúas, o que dificulta tamén o paso de vehículos de emerxencia.
"A xente vén aquí e aparca dunha forma que chega un momento en que non pasa un coche. Se hai unha urxencia, dunha ambulancia ou dun camión de bombeiros, non vai pasar", sosteñen os veciños, que insisten en que as situacións de risco se dan máis no verán polo que urxen que se reforce a seguridade.
"É menor en inverno, no verán é insufrible. O tema é protexer o cidadán fronte a unha emerxencia, por iso estamos solicitando que tome medidas o Concello e que o resolva, estamos pendentes diso".
"A ver se houbese forma de poñer, por un lado simplemente, beirarrúas e prohibir aparcar. Xa sei que é problemático nestes meses, pero é que estando como está a zona do outro lado do campo de fútbol e todo por aí, paréceme ilóxico".
Recordan que na outra beira do Miño están o estadio Anxo Carro e o Pazo de Feiras con amplas zonas de aparcadoiro polo que animan a xente a estacionar alí os seus vehículos e despois cruzar a pasarela peonil.