Prisión provisional para os 23 detidos no maior alixo de cocaína incautado en España
O barco interceptado ao sur das Canarias transportaba máis de 30 toneladas de cocaína
O Arconian, con bandeira das illas Comores, atracado no porto do arsenal militar das Palmas. EFE
O xuíz da Audiencia Nacional Ismael Moreno acordou o ingreso en prisión provisional dos 23 detidos na interceptación do barco Arconian ao sur de Canarias, que transportaba o maior alixo de cocaína intervido ata o momento: máis 30 toneladas.
O maxistrado adoptou esta decisión tras o pase a disposición xudicial dos 23 detidos nunha operación realizada pola Garda Civil ao redor dun cargueiro con bandeira das illas Comores. O barco foi interceptado fronte ás costas do Sahara Occidental, tras partir desde Serra Leoa con rumbo declarado a Libia.
Pola súa banda, fontes próximas á investigación precisaron que a carga interceptada supera as 30 toneladas, aínda que non quixeron concretar o peso exacto. Aos arrestados investíganos por delitos de tráfico de drogas e organización criminal.