Prisión provisional e sen fianza para o vigués que matou á muller en Tenerife
O xuíz de Arona impútalle un delito continuado de malos tratos e outro de asasinato
O caso pasará agora ao xulgado de violencia sobre a muller
O maxistrado decretou prisión provisional, comunicada e sen fianza para Ángel Martínez, de 83 anos, acusado de matar a súa muller, Clotilde Rodríguez, de 82, na vivenda de Tenerife, onde esta parella viguesa pasaba longas temporadas.
O titular do xulgado, que estaba de garda, impútalle un delito continuado de malos tratos e outro de asasinato coas agravantes de aleivosía, porque a vítima non tivo opción de defenderse, de parentesco e de xénero. O caso pasará a partir de agora ao xulgado de violencia sobre a muller.
O crime tivo lugar o mércores. Foron os veciños os que chamaron os servizos de emerxencia porque escoitaban berros na vivenda. Cando chegaron atoparon a muller acoitelada no medio dun charco de sangue e á beira o seu home, con feridas de arma branca que se fixo el mesmo.
Catorce mulleres asasinadas
Tras ser atendido no hospital, o xoves foi trasladado aos calabozos da comisaría, onde permaneceu ata que pasou a disposición xudicial. Agora agardará en prisión á celebración do xuízo e Clotilde ingresa na lista de mulleres vítimas das súas parellas ou exparellas, 14 asasinadas só no que vai de ano.
Mentres, continúan as concentracións para condenar a violencia machista e a vicaria. Este sábado celebrouse unha en Gran Canaria convocada por un colectivo feminista.