Publicador de contidos
Publicador de contidos

Prisión sen fianza para o detido polo crime da maleta en Vigo

Prisión sen fianza para o detido polo crime da maleta en Vigo

Os feitos investigados foron cualificados provisionalmente como homicidio ou asasinato

José Manuel Durán, o Chioleiro, detido como presunto autor do crime da maleta

G24.gal 01/03/2024 19:28 Última actualización 01/03/2024 21:54

O maxistrado do Xulgado de Instrución número 4 de Vigo acordou este venres o ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza do home detido en relación coa aparición do cadáver dunha muller nunha maleta en Vigo.

Os feitos investigados foron cualificados provisionalmente como homicidio ou asasinato, pendente do avance da instrución.

As actuacións foron declaradas secretas e desde o xulgado non se facilita a identidade da vítima nin do investigado.

O titular do órgano xudicial advertiu "de maneira expresa a todos os intervenientes no procedemento así como aos responsables policiais, que a divulgación de calquera información do sumario será constitutiva de delito".

O cadáver da muller apareceu o 22 de febreiro en grave estado de descomposición cunha puñalada mortal dentro dunha maleta embalada con plástico e que levaba meses nun escampado de Vigo.

A detención do suposto agresor foi o xoves a media mañá na estación de autobuses de Pontevedra. A policía xa lle seguía a pista dende había días, pero antes de que puidera marchar, arrestárono na propia dársena.

O presunto autor do crime da maleta que apareceu en Vigo é José Manuel Durán González, un vello coñecido das forzas de seguridade xa que estivo en prisión dúas veces: unha no ano 88 por matar e violar a súa avoa, e outra no ano 2004 por asasinar unha veciña da Lama, de onde era natural.

"E neste caso eu declárome inocente, pero se din que son culpable, son culpable. Eu paguei unha morte que non fixen e se teño que pagar outra máis estou acostumado".

Eran as súas últimas palabras antes de cumprir dezasete anos e medio de cadea por este asasinato. O Chioleiro saía en febreiro do ano pasado do cárcere. Apenas un ano de liberdade tras esta última detención por ser o compañeiro da vítima e o principal sospeitoso deste crime.

Como saben, dentro da maleta estaba unha muller duns 50 anos cunha coitelada no peito. A mesma, apareceu hai unha semana nunha parcela abandonada de Vigo a escasos metros da pensión da rúa Fragoso, onde ambos compartían un cuarto.

A ela os veciños deixaron de vela no mes de agosto, o tempo que segundo a autopsia podería levar morta. O maxistrado do Xulgado de Instrución número catro de Vigo acordou o seu ingreso en prisión comunicada e sen fianza. Os feitos están cualificados como homicidio ou asasinato, algo que terán que concretar. Actuacións que seguen en segredo de sumario.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade