Prisión provisional sen fianza para o detido pola morte do neno de Lardero
O home acolleuse ao seu dereito a non declarar
Centos de persoas concentráronse en Lardero en memoria do neno
A Garda Civil trasladou o presunto asasino do pequeno Álex desde o cuartel de Logroño, onde estaba detido desde o xoves, ao Pazo de Xustiza, contra as dez e media da mañá.
No percorrido de 400 metros que separa os dous edificios, foi esposado nun coche da Benemérita, escoltado por outro vehículo do corpo.
O individuo quedou a cargo do Xulgado de Instrución número 2, que ditou prisión provisional comunicada sen fianza para el, logo de que se acollera ao seu dereito a non declarar.
O pase a disposición xudicial produciuse hora e media antes da concentración convocada en Lardero en homenaxe ao neno asasinado, que tiña 9 anos. O tío avó do menor agradecía o apoio.
Os concentrados gardaron un minuto de silencio, que romperon cun aplauso en honra do cativo.
O acusado levou o menor para á casa con enganos, cando xogaba nun parque próximo á súa vivenda. Atopárono con el, xa inconsciente e morreu ao pouco.
O suposto asasino estaba en liberdade condicional desde hai ano e medio, logo de pasar case media vida no cárcere, primeiro por unha agresión sexual e logo por violar e matar unha muller.