A bonificación dos carburantes bota a andar con atrancos e condutores que agardaban encher o depósito
A bonificación dos carburantes bota a andar con atrancos e condutores que agardaban encher o depósito
Colas para botar combustible e tíckets pouco claros foron os principais atrancos da xornada
Facenda admite problemas puntuais e agradece os esforzos que fan as estacións de servizo
Os portugueses agardaron a hoxe para encher o depósito en Galicia
O primeiro día de aplicación do desconto de 20 céntimos por litro nos combustibles deixa a imaxe de longas ringleiras de coches esperando para repostar. Houbo problemas informáticos nalgunhas estacións de servizo pola afluencia de clientes.
A ministra de Facenda admite problemas puntuais na aplicación dos descontos, pero fai un chamamento á tranquilidade. María Jesús Montero tamén agradece os esforzos que fan as estacións de servizo ao asumir os anticipos desta rebaixa, uns cartos que comezarán a recibir a próxima semana.
Quen puido esperou ata hoxe para encher o depósito, e iso notouse desde moi cedo na afluencia ás estacións de servizo. Houbo ringleiras de vehículos para aproveitar a rebaixa.
Neste primeiro día houbo confusión entre os usuarios, xa que o desconto dos 20 céntimos por litro non se reflicten no surtidor e faise efectivo no momento do pagamento. Os clientes comprobaban con moita atención o tícket para calcular o aforro.
Foi unha mañá complicada, a avalancha de usuarios provocou a caída do sistema informático nalgunhas estacións de servizo, que non puideron realizar o cobro con tarxeta, e isto fixo que en nalgúns casos non se puidesen aplicar os descontos.
As gasolineiras teñen que adiantar os cartos das bonificacións cando un usuario bota combustible nas súas estacións. Hai días que o sector advertiu de que moitos establecementos non poderían facer fronte a esta situación.
O desconto non convence os empresarios, piden outro tipo de medidas que resolvan o problema de fondo.
As estacións de servizo tamén se atoparon con atrancos á hora de acceder a páxina do Ministerio de Facenda na que teñen que rexistrarse para solicitar que lles devolvan a bonificación.