O barrio ourensán do Pino leva preto de catro meses sen servizo de autobús
Os veciños, desesperados, piden algunha alternativa para os arredor de dous mil habitantes das parroquias afectadas
Un cartel do Concello, na parada de autobuses do Pino, indica que está anulada por obras. Leva así desde que se detectou un risco de derrubamento no túnel da nacional 120 que obrigou a pechar ao tráfico o carril en sentido Ourense, apuntalado desde entón. Xa pasa de tres meses e as obras aínda non comezaron.
"Esa vía xa colapsou unha vez. Fixeron unha chapuza e aos seis meses volveu colapsar". "A cousa vai para máis dun ano", comentan dous veciños.
Hai arredor de 2.000 veciños afectados: os das torres do Pino e os doutros barrios dos arredores, como Bobadela, Santa Ana ou Rezavella. Ao estar inutilizada a parada, teñen que ir coller o autobús a uns setecentos metros de distancia, camiñando pola beiravía da nacional.
"Eu non teño coche. En que vou ao centro? Camiñando?". "A parada é moi necesaria para os nenos que van ao colexio, para a xente maior...". "Teño que coller un taxi ou que?". "Tampouco se pode coller un taxi, porque se antes lle levaba 5 minutos, agora lévalle 20", explican varios veciños.
Ao Concello fixéronlle dúas propostas: un microbús para darlles servizo a estas parroquias ou modificar o percorrido dunha das liñas actuais, pero ambas foron rexeitadas.
"Os buses pasan pola vía vella pero aquí non veñen. Ben nos podían poñer algo". "Dixéronnos que unha solución para 20 veciños non valía a pena", sinalan.
Agora barallan outra alternativa, que lle van presentar ao subdelegado do Goberno: que habiliten un carril provisional de circulación.
"Unha ocupación provisional dun terreo que está en expropiación para darnos unha alternativa para ir ao centro da cidade", explica un dos afectados.
Hai uns días, cortaron o tráfico na nacional en sinal de protestan e anuncian que van seguir coas mobilizacións ata que lles dean unha solución.