Preto de 200 concellos galegos están en situación de prealerta pola seca
As previsións metereolóxicas seguen preocupando e cada vez son máis os municipios que limitan o consumo da auga
Non parece que as chuvias previstas para esta fin de semana vaian paliar a seca que leva vivindo o país nos últimos meses. Porque as precipitacións van ser escasas e a próxima semana as temperaturas altas volverán ser a tónica dominante.
Con estas circunstancias, a lista dos concellos en situación de prealerta é cada vez maior. Os últimos informes oficiais indican que son agora mesmo 74, aínda que de entre eles algúns pasaron de estar en situación preventiva a crítica.
Unha das comarcas máis afectadas é a do Ribeiro. E dentro dela a do concello de Leiro é das máis delicadas. Xa non só pola escaseza de precipitacións, senón tamén polo aumento de poboación que este municipio experimenta no verán e que provoca que a auga non sexa suficiente para ese incremento de demanda.
A situación obrigou o concello a sacar un bando municipal restrinxindo o consumo e a pensar xa en medidas alternativas para os núcleos onde a situación é máis complicada.
"O núcleo máis afectado é a parroquia de Serantes porque necesita un dobre bombeo. Está bastante alta. Teñen unha bágoa de auga polas mañás cando disminúe o consumo. Estamos valorando meter auga con cisternas", comenta Francisco José Fernández Pérez, alcalde de Leiro .
Na conca do Miño Sil, os ríos rexistran case a metade de auga ca noutros anos por esta época e na demarcación Galicia Costa rexístrase a ocupación de encoros máis baixa dos últimos 15 anos. Unha situación que afecta xa o día a día de máis dun millón de galegos.