Presentan en Santiago un programa pioneiro en investigación contra o cancro
O Cancer Innova está impulsado pola Xunta e cofinanciado por entidades públicas e privadas de varios territorios
A Universidade de Santiago (USC) acolleu hoxe a presentación do programa Cancer Innova, pioneiro en España para a investigación de medicamentos contra o cancro. Impulsado pola Xunta, nel participan investigadores da Fundación Kaertor da USC, a Asociación Española contra o Cancro e as farmacéuticas Janssen e Lilly.
O proxecto parte cun orzamento inicial de cinco millóns de euros e creou xa 20 empregos. Os promotores explican que é pioneiro porque aposta pola colaboración público-privada aberta a cooperar con expertos externos aos organismos que inician o proxecto. O obxectivo, din, é que "máis doentes de cancro curen".
Durante a presentación Mabel Loza, catedrática da USC e fundadora de Kaertor, detallou que a orixe da investigación é buscar as necesidades dos doentes, de aí a colaboración da Asociación Española contra o Cancro. "Buscamos as mellores ideas e xuntámonos cos mellores expertos que poden axudar a solucionalas ao menor custe e no menor tempo posible. A ciencia e o cancro non teñen fronteiras, por iso Cancer Innova presenta tamén unha colaboración entre territorios", dixo.
O tamén investigador da USC e fundador de Kaertor Anxo Carracedo engadiu: "España está sempre en moi boa posición en produción pero moi mala en innovación. Iso só é posible coa colaboración público-privada".
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, presente no acto, coincide en que a colaboración público-privada é "clave para consolidar" po sector biotecnolóxico galego. "Galicia quere sumarse á primeira liña da loita contra os tumores promovendo investigación e novas terapias dende aquí", concluíu.