Presentan Earth 300, o barco de luxo para combater o cambio climático
Turistas adiñeirados poderán viaxar nel pagando medio millón de euros
Irán a bordo 160 científicos e percorrerá 155 países con costa
Preséntase no ámbito mundial un proxecto futurista deseñado por un español para combater o cambio climático: un barco científico que viaxará por todo o mundo con 160 investigadores a bordo. Pero non serán os únicos. Turistas adiñeirados poderán pagar medio millón de euros por estadías de dez días. Tamén poderán ir nel de xeito gratuíto persoas anómimas que acheguen información á investigación científica.
O superiate Earth 300 combina un deseño futurista e tecnoloxía ecolóxica.
"Ten unha esfera de 55 metros de diámetro na popa do buque, hai 72 laboratorios e pola parte de diante é coma se fose media montaña", explica Aaron Olivera, fundador de Earth 300.
Será o primeiro buque de investigación que funcione mediante enerxía nuclear. O seu deseñador, o empresario xibraltareño Aaron Olivera, afincado en Singapur, comezou a perfilar en 2015 este proxecto que une investigación e aventura. Asegura que o buque se deseñou para converterse nunha icona global.
A modo de mecenas, os invitados VIP poderán viaxar nas dez habitacións de luxo, previo pago de medio millón de euros.
"Temos vinte camarotes. Por dez deles hai que pagar para vir a bordo. Pero aos outros pode vir xente gratis, un enxeñeiro, un médico, un filósofo, etc. Crear unha plataforma para ese intercambio de ideas, de información e de enerxía".
O barco ten capacidade para máis de 400 persoas. Earth 300 é un ambicioso proxecto que aposta pola promoción do coñecemento dun xeito máis democrático e que todo o mundo entenda.
"Queremos que cando a xente veña ao buque e marche, se vaia transformada, con outra idea mental do mundo".
O proxecto acaba de presentarse en SUTUS 2022 en Marbella, o cumio mundial de turismo espacial e subacuático. O obxectivo é que o buque estea na auga en 2027.