Preocupación pola mala calidade do aire na Rúa tras cinco días ardendo un vertedoiro
O fume e o cheiro que desprende súmanse ao provocado polos incendios
A alcaldesa pídelle a Xunta que tome medidas sobre o vertedoiro
O incendio que comezou hai unha semana en Larouco prendeu no vertedoiro de inertes e residuos da construción e industriais situado no concello da Rúa. Leva cinco días ardendo. O cheiro a goma queimada e o fume son insoportables segundo de onde veña o vento.
Os veciños móstrannos a alerta diaria que reciben do Concello sobre a calidade do aire. Jaime traballa nunha polígono próximo e está oito horas diarias exposto.
"A empresa de prevención de riscos díxonos que usásemos máscara e lentes de protección, pero ignoramos a toxicidade que ten ese fume".
O Concello segue recomendando usar máscara e evitar a actividade en espazos públicos. A Dirección Xeral de Saúde Pública comunicoulle á alcaldesa de xeito oficioso que a calidade do aire no concello é mala.
"Confírmanos que non se atopan partículas máis agresivas que as do resto de concellos afectados polo fume dos incendios forestais", explica a alcaldesa, María González Albert.
O problema non só afecta ao concello da Rúa. O fume do vertedoiro tamén chega a Larouco e Petín. Nesta última localidade os veciños contan que lles pica a gorxa e os ollos e que o forte cheiro obriga a manter pechadas as fiestras das casas.
"Estabamos toda a familia pasando aquí as vacacións e marcharon todos agás eu para acompañar os meus pais, que teñen 80 anos", conta un dos fillos da emigración que adoita volver no verán.
A alcaldesa da Rúa entende que sufocar os incendios forestais é prioritario, pero cre que despois de cinco días a Xunta debería pensar en tomar medidas sobre este vertedoiro.