Publicador de contidos

Publicador de contidos

Preocupación en Carballo e Malpica pola avalancha de Monte Neme

Preocupación en Carballo e Malpica pola avalancha de Monte Neme

A auga dunha das balsas da antiga mina coouse por unha galería que ata o momento non se coñecía e acabou levando por diante todo o que atopou ao seu paso

O colectivo Ecoloxistas en Acción presentou este luns unha denuncia penal en Carballo contra a Xunta polo colapso da balsa

 

G24.gal 02/02/2026 14:07

Preocupación en Carballo e sobre todo en Malpica tras a avalancha de lodo na vella mina de Monte Neme desta fin de semana. A auga dunha das balsas da mina coouse por unha galería que ata o momento non se coñecía e acabou levando por diante todo o que atopou ao seu paso.

Hai menos de dous meses que se iniciaran os traballos de rexeneración de Monte Neme, financiados con fondos da Unión Europea, interrompidos moitos días desde entón por culpa do mal tempo.

O proxecto, cun orzamento próximo ao millón e medio de euros, levaba pendente desde a rotura doutra das balsas da mina, en febreiro de 2014. Os danos causados pola riada non os cobre ningún seguro.

A avalancha de lodo acabou no leito dun regato, destruíu dous vellos muíños que estaban en ruínas e seguiu o seu camiño en dirección ao mar. Atravesou vieiros, rutas ciclistas, a estrada de Aviño e moita vexetación. A diferenza do acontecido en 2014, non chegou a afectar as casas.

Todo apunta a que a intensa e continua chuvia das últimas semanas está detrás do sucedido, ben provocando filtracións ou ben unha presión excesiva na zona da balsa.

Monte Neme é un enclave con moita historia e tamén escenario de moitas lendas populares. A zona estivo habitada desde o período neolítico, cando se construíu un monumento funerario hoxe desaparecido.

A comezos do século XX abriuse unha mina de volframio e nos anos 80 unha canteira de cuarzo e áridos de construción. O colectivo Ecoloxistas en Acción presentou este luns unha denuncia penal en Carballo contra a Xunta polo colapso da balsa desta pasada fin de semana.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade