Preocupación no Ribeiro polos ataques do xabaril ás portas da colleita
Unións Agrarias ten rexistradas ducias de denuncias
Os afectados piden que se faga un censo dos animais e control de fauna
Fernando Cibeira, colleiteiro de Beade, explícanos a pegada do xabaril na súa cepa: "Mete o fociño, morde, arrinca e aínda que non lle toque a algunha uva, pasa a ser produto de segunda calidade. Os danos sobre o produto final poden chegar aos dez mil euros".
Noutro viñedo de Carballeda de Avia non entrara en anos anteriores, pero desta vez acaboulle cun 30 % da treixadura.
Iván Pateiro, colleiteiro de Carballeda de Avia: "Non sei se é pola seca, pero tivemos moitos ataques. Nós aquí, do 30 ou 40 por cento. O xabaril foza nela, á parte de rompela por xogar e tal, moita uva non serve para a elaboración do viño".
Tamén levou por diante as cepas novas. E en Toén, cebouse de torrontés. Decántanse polas castes autóctonas.
Óscar López Martínez, colleiteiro de Toén: "Parece que son mellores catadores que os profesionais. Cando a porca vén cos raións pequenos, que non lles chegan ás uvas, córtallas ela cos dentes e déixallelas no chan para que as coman".
Os afectados empregan canóns disuasorios, pastores e ata teñen cámaras de visión nocturna instaladas nas cepas, pero nada lles funciona.
"Eu teño tres pastores. Dedícome a andar polas viñas cos pastores, a revisar os valados, que xa non vale nada, nin poñerlle espiño, porque rebentan todo", explica Óscar. "Eu non digo que entren con canonazos nin que exterminen a raza, pero isto é unha praga", insiste Fernando.
En Unións Agrarias levan rexistradas ducias de denuncias. Os afectados piden que se faga un censo dos animais e control de fauna para non teren que enfrontarse todos os anos ao mesmo problema.