Publicador de contidos

Publicador de contidos

Rueda, sobre saúde mental: "Somos conscientes do problema e estamos poñendo solucións"

Rueda, sobre saúde mental: "Somos conscientes do problema e estamos poñendo solucións"

A portavoz do BNG, Ana Pontón, pon o foco no "drama" da situación dos pacientes "aos que o único que lles ofrecen é unha pastilla para seguir adiante no seu día a día"

Armando Ojea, do Democracia Ourensana, preguntou ao presidente polo posibilidade de implicar empresarios descendentes de galegos en investimentos no sector da minaría para poder completar o ciclo produtivo no país

(EFE/Xoán Rey)
G24.gal 21/05/2025 08:36 Última actualización 21/05/2025 13:10

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, enviou este mércores unha mensaxe ás persoas con problemas de saúde mental e ás súas familias: "Somos conscientes do problema, e estamos poñendo solucións".

Foi na resposta a unha pregunta da voceira nacional do BNG, Ana Pontón, quen durante a sesión de control preguntou polas políticas da Xunta neste ámbito, e acusou o presidente da Xunta de mentir "cando vemos como se están incrementando as listas de agarda".

"Esta é a realidade que sofren miles de persoas neste país. A saúde mental é un drama", dicía Pontón, "un drama que lle está afectando a miles de persoas". 

A líder nacionalista destacaba o incremento do consumo de ansiolíticos e antidepresivos entre os mozos e mozas "aos que o único que lles están ofrecendo é unha pastilla para seguir adiante no seu día a día, nunha Galiza que encabeza a táboa clasificatoria de suicidios".

A portavoz nacional do BNG remitiuse ao recente informe do Consello de Contas sobre o Plan de Saúde Mental de Galicia 2020-2024 para asegurar que este programa resultou "unha gran mentira" porque só se investiron 33,5 millóns de euros, do total de 83 millóns consignados.

O presidente da Xunta dixo que Pontón "terxiversa" este informe, no que só se analiza un período orzamentario do plan polo que a "desviación é de menos do 1 %", asegurou, e acusouna de "utilizar" aos enfermos mentais e as súas familias para atacar á Xunta.

Rueda, na súa resposta acusou a Pontón de non ser rigorosa, "pero pedirlle rigor é imposible", dixo, para deseguido asegurar que se traballa para poñer solucións a este problema.

"A demanda de servizos de saúde mental medrou desde a pandemia nun 30 %", dixo Rueda, "fronte á lista de espera, que medrou un 11 %". "Que o 11 é moito, si, pero é tres veces menos que o incremento da demanda", afirmou.

"O ano pasado atendemos máis do dobre de persoas das que se atendían no 2010, as consultas de psicoloxía aumentaron en cinco anos un 46 %, e o 83,4 % agardan menos de 180 días, unha cifra que ten que baixar, por suposto que ten que baixar", explicou Rueda.

En canto á contratación de traballadores do sector destacou a dificultade para incorporalos. "En atención primaria neste ano contrataremos 14 profesionais, remataremos con 21, e queremos chegar ao ano 2030 con 50. Están cubertas o 100 % das prazas de psicoloxía clínica, e máis que houbese", dixo o presidente da Xunta, quen afeou a Pontón que descoñeza o proceso para facer estas contratacións. 

Democracia Ourensana propón implicar empresarios descendentes de galegos no sector da minaría

Pola súa parte, o deputado do Grupo Mixto, Armando Ojea, de Democracia Ourensana (DO), preguntou sobre a posibilidade de implicar a empresarios americanos, principalmente de México, orixinarios de Galicia na explotación de recursos mineiros para poder completar no país o proceso produtivo, para que Galicia non sexa só un lugar de extracción, senón de transformación e fabricación.

Ojea puxo o exemplo concreto da mina de litio de Doada, en Beariz, que a UE incluíu entre os proxectos estratéxicos. "Desa zona son orixinarios grandes empresarios de México, que teñen unha gran capacidade investidora", dixo, "e habería que propoñerllo porque igual a eles non se lles ocorre".

O deputado de DO cre que "a Xunta debería facer un esforzo porque se poderían implantar empresas punteiras en Galicia".

Na súa resposta Alfonso Rueda deulle á benvida a Armando Ojea "á política mineira" e agradeceu o "ton construtivo".

"Son oportunidades que hai que aproveitar. Debemos ser conscientes e oxalá frutifique", dixo Rueda, quen enviou a mensaxe de que "Galicia é unha terra aberta para investir", e dixo que "xa se encargarán outros de mandar a mensaxe contraria de que aquí todo son problemas".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade