Publicador de contidos

Publicador de contidos

Primeiro podio de Rubén Fernández no Mundial de MXGP

Primeiro podio de Rubén Fernández no Mundial de MXGP

O vigués foi terceiro na primeira manga e cuarto na segunda

Jorge Prado non tivo o seu día e Tim Gajser amplía o seu dominio no Mundial

Este é o resumo do segunda manga
G24.gal 24/04/2022 14:22

Primeiro podio de Rubén Fernández na súa estrea esta tempada no Mundial de MXGP. O piloto vigués estivo moi sólido en todo o Gran Premio de Letonia, rematou a primeira manga terceiro clasificado e foi cuarto na segunda logo dun adiantamento de Coldenhoff no último momento. Non foi o día de Jorge Prado, que caeu na primeira manga e tivo un problema na segunda cando ía na sexta praza. Iso permite a Gajser ampliar o seu dominio no Mundial, xa lle saca 66 puntos ao lucense no primeiro posto. 

A primeira manga foi nefasta para os intereses de Jorge Prado. Todo camiñaba sobre rodas. Primeiro posto nos adestramentos, unha saída espectacular e un ritmo de carreira que lle permitía dominar a situación, con Jonass e Gajser a máis de tres segundos. 

Todo se torceu no treito final. Primeiro Gajser conseguiu superalo cando só quedaban tres minutos para o final da media hora de carreira. Prado non perdeu a esperanza de adiantalo e pelexouno ata a última curva. Nese intre chocou coa roda de Gajser nun dos últimos saltos e foi ao chan. Duodécimo posto para Prado que dá un paso atrás na pelexa polo Mundial. 

Desa caída aproveitouse Rubén Fernández para acabar a manga na terceira posición. O vigués, moi sólido, mantívose entre os mellores e acabou acadando o froito chegando por detrás de Gajser e Jonass. 

A segunda manga comezou dun xeito similar á primeira. Con Prado aínda magoado da caída na primeira, Jonass fixo o 'hole-shot' e Rubén colocouse terceiro. Cando o piloto lucense buscaba os postos de privilexio dende a sexta praza, tivo un problema e rematou no 17º posto. 

O piloto vigués defendeu o seu terceiro posto con firmeza mentres Gajserr ampliaba a súa vantaxe nunha segunda manga que foi practicamente un trámite para el. No último salto Coldenhoff adiantoulle ao piloto vigués, pero co terceiro posto da primeira manga e o cuarto desta chegou aos 38 puntos que lle serven para estrearse no podio (38 puntos fronte a 36).

Gajser fixo pleno, gañou as cinco últimas mangas, levou todos os GP menos o de Portugal, e amplía a súa vantaxe á fronte do mundial, xa son 66 puntos os que lle saca a un Jorge Prado que hoxe tivo un día nefasto para esquecer.

Así foi a primeira manga
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade