Portugal non esixirá test negativo para entrar no país aos traballadores transfronteirizos
Tampouco será necesario en caso de pasar a enfermidade nos últimos seis meses
Están eximidos desta proba os traballadores de servizos esenciais
A medida estará en vigor desde o 1 de decembro ata o 9 de xaneiro
O Goberno de Portugal non vai esixir un test negativo aos traballadores transfronteirizos nin ás persoas que pasaron a covid-19 nos últimos seis meses, para poder entrar no país por vía terrestre. No caso dos transfronteiros terán que ter o centro de traballo a 30 km da fronteira para quedaren exentos.
Tamén están eximidos desta proba os traballadores de servizos esenciais como emerxencias, seguridade ou servizos de urxencia, e tamén os menores de 12 anos.
O resto de cidadáns, incluídos os que teñen certificado de vacinación e que procedan de países de risco elevado, deberán presentar un test negativo a partir do 1 de decembro. A medida estará en vigor ata o 9 de xaneiro.
Son válidas as probas PCR realizadas nas 72 horas previas e os test de antíxenos nas 48 horas previas. Os controis nas fronteiras serán aleatorios, e de non cumprírense as medidas, as multas oscilan entre 300 e 800 euros.
As persoas que pasaron o coronavirus terán que presentar o certificado dixital de recuperación.