Publicador de contidos
Publicador de contidos

Portugal despenaliza a eutanasia malia o veto presidencial

Portugal despenaliza a eutanasia malia o veto presidencial

Rebelo de Sousa dixo que o seu último veto era "unha precisión" e non ve problemas para promulgar a lei

A dereita, que votou en contra, ameaza con ir ao Constitucional 

G24.gal 12/05/2023 14:21

O Parlamento portugués aprobou hoxe a despenalización da eutanasia pese ao último veto político do presidente luso, o conservador Marcelo Rebelo de Sousa, e o rexeitamento da dereita, que ameaza con recursos ante o Tribunal Constitucional que non paralizarán a aplicación da norma.

Pasaron case seis anos desde que a Cámara debateu por primeira vez o tema e foron necesarias varias versións da lei para superar os catro intentos de Rebelo de Sousa de tombar a proposta: dous vetos políticos e dous por cuestións legais no Tribunal Constitucional.

Finalmente, a lei foi hoxe aprobada por 129 votos procedentes das filas socialistas, con maioría absoluta na Cámara, o Bloque de Esquerda, os animalistas, Livre e Iniciativa Liberal, o único partido de dereita que se sumou á iniciativa.

En contra, 81 votos do Partido Comunista -a excepción do apoio entre a esquerda-, o conservador Partido Social Demócrata e o ultradereitista Chega.

Tanto socialistas como PSD deron liberdade de voto aos seus deputados e, como resultado, 4 do PS votaron en contra e oito dos conservadores fixérono a favor.

Rebelo de Sousa, católico practicante, ten agora un prazo de oito días para promulgar a norma. O presidente quixo adiantarse ás especulacións asegurando que o seu último veto responde a unha "precisión" e non a un problema de inconstitucionalidade e que "non hai drama" coa súa aprobación.

Desde o PSD e Chega, con todo, ameazan con recorrer ao Tribunal Constitucional e apostan por convocar un referendo.

Seis anos de tramitación

Portugal súmase así a outros veciños europeos, como España ou Bélxica, tras un proceso que se prolongou durante seis anos, atravesou tres lexislaturas socialistas e requiriu cinco votacións no pleno do Parlamento. "Ningún país discutiu durante tantos anos tantas garantías, tantos pormenores, tantos procedementos como Portugal", sosteñen os socialistas, convencidos de que o texto aprobado hoxe é "moi garantista".

Durante este longo proceso, o Parlamento reformou o seu contido para superar cada un dos vetos, pero aprobou a última redacción tras descartar problemas de constitucionalidade"A lei ten toda a lexitimidade para proceder", defendeu hoxe Catarina Martins, do Bloque de Esquerda.

Morte asitida

O texto aprobado hoxe define a morte medicamente asistida como a que "ocorre por decisión propia", aplicable en maiores de idade que demostren un "sufrimento de grande intensidade, con lesión definitiva de gravidade extrema ou enfermidade grave e incurable" e cando é "practicada ou axudada por un profesional da saúde".

Dá prioridade ao suicidio asistido e poderá aplicarse en casos de enfermo incapaces fisicamente de facelo por si mesmos. Limita, ademais, o procedemento a cidadáns portugueses ou con residencia no país.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos